O CPI de Friol xa ten listo o seu equipo para a I Liga Escolar de Debate da Consellería de Educación

LugoXa | TerraChaXa
Está integrado por estudantes de 3º da ESO coordinados polo profesor de francés Roi Rey, mentres que a xefa de estudos de Secundaria, Purificación Criado, exercerá labores de titorización
equipo-debate-friol
11 Feb 2026

O CPI Dr. López Suárez de Friol formará parte da I Liga Escolar de Debate impulsada pola Consellería de Educación, unha iniciativa pioneira na que competirán quince centros de toda Galicia. Entre eles, este é o único Centro Público Integrado (CPI) seleccionado, xa que o resto dos participantes pertencen á categoría de institutos de educación secundaria (IES).

A primeira fase da competición desenvolverase na última semana do mes de marzo, nunha sede aínda por determinar, onde o equipo do centro se enfrontará a outros dous institutos. A participación nesta liga supón un paso adiante na aposta pola oratoria, o pensamento crítico e o diálogo como ferramentas fundamentais na formación do alumnado.

O equipo de Friol está integrado por estudantes de 3º da ESO: Susana López, Emma Martínez, Daniela Díaz, Hugo Castro, Manuel Pérez e Anxo Moreno. A coordinación corre a cargo do profesor de francés Roi Rey, mentres que a xefa de estudos de Secundaria, Purificación Criado, exercerá labores de titorización e apoio pedagóxico. Ademais, o grupo contará co asesoramento de Estela Villarabide, ex alumna do centro que no ano 2019 representou a España no Foro Mundial da Xuventude, achegando así experiencia e coñecemento ao proxecto.

Desde o centro destacan que a creación deste equipo de debate responde á vontade de fomentar a capacidade de argumentación, o respecto polas distintas posturas e a habilidade para expresarse con solvencia en público. Trátase dunha iniciativa que promove o traballo cooperativo e a resolución dialogada de conflitos, competencias clave tanto no ámbito académico como na vida persoal e profesional do alumnado.

A estrea nesta liga supón un novo reto para o centro, que afronta esta experiencia con entusiasmo e coa convicción de que o verdadeiro éxito reside no proceso de aprendizaxe e no compromiso demostrado polo alumnado participante.

Arredor de 60 alumnos de 15 institutos públicos participan nesta nova Liga escolar de debate, que estrea este curso a súa primeira edición cunha representación de concellos de toda a Comunidade. A Liga escolar de debate está pensada como un foro de discusión a través do cal os estudantes poden mellorar a súa oratoria e a exposición de argumentos. Tamén promove valores como a resolución de conflitos mediante o diálogo, a cooperación, o respecto e o traballo en equipo. A iniciativa ten, de feito, un carácter formativo e non competitivo.

A preparación do debate fai necesario traballar a expresión e a comprensión, tanto oral como escrita, á vez que se desenvolve o pensamento crítico. Deste xeito, a actividade ofrece aos docentes unha ferramenta de gran utilidade para a formación integral do alumnado e para o desenvolvemento dos contidos de cada materia.

Na provincia tamén participan o IES Río Cabe de Monforte e o IES Dionisio Gamallo de Ribadeo.

O centro gañador da fase final da I Liga escolar de debate recibirá un recoñecemento especial polo esforzo e o traballo do alumnado. Ademais, os coordinadores da actividade e os docentes de apoio obterán un certificado de innovación educativa cunha equivalencia de 30 e 20 horas, respectivamente, de formación permanente do profesorado.

Esta acción enmárcase dentro das accións da Consellería para o reforzo da competencia lectora, para o cal se puxo en marcha o novo Plan de lectura, escritura e acceso á información, dentro do Plan MEGA de mellora educativa de Galicia. Isto inclúe a implantación dun tempo de lectura diario na aula dentro da xornada lectiva dedicado a este hábito para estimular a comprensión e fomentar o pensamento crítico.

⚙ Configurar cookies
0.083300113677979