O CPI Plurilingue de Castroverde acolleu un dos obradoiros do programa 'A vangarda está na aldea'

LugoXa
O programa, impulsado desde as áreas de Rural e de Cultura, inclúe vinte obradoiros, que se desenvolverán ata final de ano
'A-vangarda-está-na-aldea'-CPI-Castroverde
6 Nov 2024

O CPI Plurilingue de Castroverde acolleu un dos obradoiros do programa 'A vangarda está na aldea', promovido pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo para revalorizar a cultura labrega e propiciar o descubrimento de novas vocacións agrarias entre o alumnado de secundaria.

A deputada de Cultura, Iria Castro, presentou a actividade na que o escritor polense Manuel Vázquez, autor da novela 'O pracer da chuvia', expuxo ao alumnado de 1º de ESO valores da cultura labrega tradicional, como a cooperación e a capacidade organizativa no desenvolvemento dos traballos comunitarios, para “desmontar prexuízos relacionados coa aldea e coa lingua”.

Así, fíxoo a través de diferentes materiais fotográficos e literarios como as fotografías de Carlos Valcárcel, Ton van Vliet, Antón Beiras, Ruth Matilda Anderson ou Ian Colquhoum, que retrataron desde distintas perspectivas a Galiza rural do século pasado, o poemario Seraogna de Alfonso Pexegueiro ou a novela 'Cinco horas con Mario' de Miguel Delibes.

Na sesión, na que tamén participou o docente e escritor Jesús Trashorras Nogueira, falouse tamén de proxectos produtivos postos en marcha no rural que conectan con valores e prácticas das sociedades actuais como o coidado do medio natural, o benestar animal, a valoración da calidade alimentaria ou a innovación tecnolóxica.

Iria Castro trasladou ao profesorado do centro os obxectivos do programa, “que aposta por achegarse ás novas xeracións cunha mensaxe en positivo e de futuro sobre o rural nun momento en que poden estar valorando opcións profesionais. Somos conscientes de que o relevo xeracional na agrogandería precisa de moitos outros recursos, pero os prexuízos históricos sobre o rural afectaron negativamente ao desenvolvemento das súas potencialidades”.

Unha vintena de obradoiros en centros de secundaria

O programa, impulsado desde as áreas de Rural e de Cultura, inclúe vinte obradoiros, que se desenvolverán ata final de ano, dacordo co calendario acordado cos centros de secundaria interesados.

Ata a data realizáronse no CPI Dr. López de Friol, no CPI Uxío Novoneyra de Pedrafita do Cebreiro e no CPI de Navia de Suarna. Nas vindeiras semanas, a actividade chegará ao IES Terra Cha de Castro Riberas de Lea, o IES Anxel Fole de Lugo, o IES de Monterroso, o IES de Alfoz, o CPI Ramón Piñeiro de Láncara, o IES Xograr Afonso Gómez de Sarria, o IES Díaz Castro de Guitiriz, o IES Pedregal de Irima de Meira, o IES San Rosendo de Mondoñedo, os IES Río Cabe e Francisco Javier de Monforte de Lemos, o IES Val do Asma de Chantada e o IES Fonmiña da Pastoriza.

'A vangarda está na aldea' amplía e complementa os obxectivos do programa Da Escola á Granxa, que financia visitas de escolares de infantil e primaria a granxas e pequenas producións alimentarias no rural, transmitindo a importancia do sector primario na produción de alimentos e na conservación do medio natural.

0.20088601112366