O CPI Plurilingüe de Castroverde celebrará unha xornada de portas abertas o 19 de febreiro

LugoXa
O centro amosará o seu proxecto educativo cunha programación dirixida a familias e futuro alumnado
CEIP-colexio-Castroverde
7 Feb 2026

O CPI Plurilingüe de Castroverde organizará o vindeiro 19 de febreiro de 2026 unha xornada de portas abertas co obxectivo de dar a coñecer á comunidade educativa o seu modelo de ensino, os servizos que ofrece e os distintos programas que desenvolve. A actividade terá lugar entre as 10:30 e as 13:00 horas nas instalacións do centro.

Durante a xornada, as persoas asistentes poderán coñecer de primeira man a oferta educativa do colexio, que aposta por un ensino de calidade baseado na atención á diversidade, a inclusión plena e a convivencia positiva. O centro destaca pola aplicación de prácticas restaurativas, círculos de diálogo, atención personalizada ao alumnado, comunicación non violenta e programas específicos de prevención do maltrato e benestar emocional.

A programación incluirá actividades compartidas entre alumnado de distintas etapas, como unha experiencia conxunta entre estudantes de sexto de Educación Infantil e cuarto curso desta mesma etapa, ademais de visitas guiadas polas instalacións, con lectura de contos na biblioteca e petiscos no comedor escolar. Tamén se dará a coñecer a participación do centro en proxectos como a feira científica organizada polo profesorado e o alumnado da ESO.

O CPI Plurilingüe de Castroverde ofrece, ademais, numerosos servizos gratuítos orientados a facilitar a conciliación familiar, como madrugadores desde as 7:00 horas, tardes no colexio ata as 18:30 horas, actividades complementarias e extraescolares, transporte escolar, froita diaria nos recreos e un servizo de comedor con menús tradicionais galegos revisados por nutricionistas.

O centro conta tamén cunha ampla oferta de recursos educativos, entre os que destacan a biblioteca aberta en todos os períodos lectivos, aula maker, instalacións deportivas, grupos interactivos, programas de fomento da lectura, voluntariado lector e plans específicos de formación permanente do profesorado. Con esta xornada, o CPI Plurilingüe de Castroverde convida ás familias a achegarse ao centro e coñecer de preto o seu proxecto educativo.

⚙ Configurar cookies
0.082412958145142