O CPR Divina Pastora Salesianos de Lugo inaugura unha Aula Creativa para impulsar a innovación educativa

O CPR Divina Pastora Salesianos de Lugo inaugurou a súa nova Aula Creativa, un espazo concibido para estimular a imaxinación, promover un aprendizaxe máis activo e favorecer o traballo cooperativo entre o alumnado. Coa posta en marcha desta nova instalación, o centro dá un novo paso no seu compromiso cun modelo educativo que integra a creatividade, a tecnoloxía e as metodoloxías participativas dentro do proxecto pedagóxico salesiano.
Este novo espazo reúne todo o material do programa Polos Creativos, unha iniciativa educativa orientada a impulsar a creatividade, a experimentación e o desenvolvemento de proxectos interdisciplinares no ámbito escolar. Grazas a este equipamento, o alumnado poderá participar en actividades relacionadas coa creación artística, a tecnoloxía, o deseño, a experimentación e o aprendizaxe baseado en proxectos, favorecendo un contexto no que as ideas se convertan en experiencias educativas relevantes.
A posta en marcha desta aula foi tamén un proxecto compartido por toda a comunidade educativa. Profesorado, persoal do centro e familias colaboraron en diferentes fases da preparación e acondicionamento do espazo. Neste proceso tamén destacou especialmente a participación do alumnado, que se implicou con entusiasmo en diversas tarefas relacionadas coa organización e preparación da aula, contribuíndo activamente á creación dun lugar pensado precisamente para o seu propio aprendizaxe e desenvolvemento.
O acto de inauguración desenvolveuse nun ambiente de encontro e celebración para toda a comunidade educativa. Durante a xornada, o centro quixo agradecer a presenza das autoridades que acompañaron este momento significativo. Entre elas atopábase o inspector de educación, así como representantes da congregación salesiana.
HOMENAXE A BEA VILLAR
Un dos momentos máis emotivos da xornada foi a presentación do nome do novo espazo, que está dedicado á memoria de Bea Villar. Con esta dedicación, o colexio quixo render homenaxe a quen foi durante anos administradora do centro e unha persoa moi querida por toda a comunidade educativa.
Bea Villar formou parte durante moito tempo da vida cotiá do colexio, desenvolvendo o seu traballo cunha gran profesionalidade e cun profundo sentido de servizo. Quen compartiron con ela o día a día destacan especialmente a súa proximidade, a súa enorme capacidade de traballo e a alegría que transmitía constantemente ás persoas do seu contorno. A súa presenza foi sempre "un apoio para profesorado, familias e alumnado, contribuíndo coa súa actitude positiva e co seu compromiso a reforzar o espírito de comunidade que caracteriza o centro", defenden desde o centro.
Dar o seu nome a esta aula é, por tanto, "unha forma de manter viva a súa memoria dentro da vida do colexio, vinculando o seu recordo a un espazo que mira cara ao futuro do alumnado e ao desenvolvemento dos seus talentos".
Coa inauguración deste novo espazo, o colexio reafirma a súa aposta por unha educación integral inspirada no carisma salesiano de Don Bosco, que busca acompañar á mocidade no seu crecemento académico, humano e persoal. Espazos como a Aula Creativa permiten desenvolver novas formas de aprendizaxe que favorecen a participación, a iniciativa e a creatividade, valores fundamentais para preparar ao alumnado ante os retos do presente e do futuro.