O CPR Divina Pastora - Salesianos gaña o certame de debuxo polo 25 aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade

O CPR Divina Pastora - Salesianos de Lugo foi o gañador do certame de debuxo organizado pola Xunta de Galicia con motivo do 25 aniversario da declaración da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade. O premio recaeu no traballo realizado polo alumnado de cuarto curso de Educación Infantil do centro.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou o colexio para felicitar persoalmente aos nenos e nenas participantes e facerlles entrega dun xogo educativo destinado a ser compartido na aula. Durante o encontro, explicoulles tamén que o debuxo premiado foi utilizado como elemento central da postal de Nadal da Delegación Territorial.
Arias aproveitou a ocasión para agradecer a implicación do profesorado que participou na iniciativa, destacando o seu labor á hora de fomentar entre o alumnado o coñecemento e o respecto polo patrimonio histórico e cultural desde idades temperás.
O certame de debuxo formou parte do conxunto de actividades programadas pola Xunta para conmemorar o 25 aniversario da Muralla de Lugo como Ben Mundial. Baixo o lema A Muralla de Lugo: un desexo, un recordo, unha felicitación, a convocatoria reuniu arredor de 400 traballos elaborados por escolares da cidade, tanto de forma individual como colectiva, que permaneceron expostos durante todo o mes de decembro na sede da Delegación Territorial en Lugo.