O cuarteto Zarandela debuta no San Froilán 2025 co concerto inaugural do 'Escenario Zanfona'

O San Froilán 2025 incorporará unha novidade destacada coa posta en marcha do “Escenario Zanfona”, un espazo creado para afianzar a posición de Lugo como referente europeo deste instrumento.
A súa apertura será o martes 7 de outubro ás 20.00 horas na Praza de Santa María, cun concerto de estrea do cuarteto Zarandela, integrado por Marina Salgado, Uxío Blanes, Álvar Jalón e Álvaro Marijuan, catro novos talentos formados na Tradescola, canteira da música tradicional galega.
A pesar da súa curta idade, os membros de Zarandela destacan polo seu virtuosismo e unha sorprendente madurez interpretativa, converténdose xa nun símbolo do futuro da zanfona en Galicia. O repertorio que ofrecerán abrangue desde pezas históricas de Milladoiro ou Bal y Gay ata composicións de Gilles Chabenat, xunto con arranxos e obras creadas especificamente para eles, como a Xota de Riotorto de Florencio, adaptada por Pedro Lamas. O concerto contará ademais coa colaboración de recoñecidos músicos como Lucía Eiros, Pedro Pascual, Miguel Anxo López, Noemi Basanta e Germán Díaz.
A programación continuará ás 21.00 horas na mesma praza co concerto dos Irmaus da Raia Seca, grupo no que destaca a presenza de Gutier Álvarez, un dos grandes mestres da zanfona en Galicia.
Con esta aposta, Lugo dá un paso máis no seu camiño por reivindicar a súa identidade arredor dun instrumento milenario que segue a marcar tanto o presente como o futuro da cultura galega. A iniciativa conta co apoio da Deputación de Lugo, xa que Zarandela é grupo residente do Centrad, institución que conserva e proxecta o legado da zanfona asociado a figuras como Antonio Fernández, Santalices e Paulino Pérez. Grazas a este respaldo, os novos zanfonistas poden seguir fortalecendo unha tradición que une xeracións e mantén viva a memoria cultural do país.