O curso de música medieval do Centrad contará con músicos internacionais

LugoXa
O curso de música medieval que se celebrará no Centrad contará con músicos de Italia, Portugal ou Bélxica entre os inscritos
Centrad formacion instrumentos medievais
12 Abr 2023

O curso de interpretación de música medieval que se desenvolverá do 27 ao 30 de abril no Centro de Artesanía e Deseño traerá a Lugo músicos de Italia, Portugal ou Bélxica, así como de  diferentes puntos do Estado.

Con dez días aínda por diante para anotarse, a iniciativa está espertando o interese de profesionais e estudantes de música de distintos países europeos ao reunir como docentes a catro dos mellores  intérpretes destes estilos musicais a nivel internacional como Manuel Vilas, Paloma Gutiérrez del Arroyo, Bor Zuljan e Francisco Luengo.

O deputado Efrén Castro suliñou “que a marcha das inscricións confirma o interese deste curso que ofrece unha oportunidade de formación musical única e que contribúe a situar Lugo como un punto de referencia para as persoas interesadas nestes estilos musicais e a difundir o noso patrimonio cultural e musical internacionalmente.

Neste sentido lembrou que o “Centro de Artesanía e Deseño, cunha longa traxectoria en  investigación e reconstrución de instrumentos, conta cunha das coleccións de instrumentos medievais máis importante de Europa”.

O curso,que se impartirá nas instalacións do Centro de Artesanía e Deseño, ofrece catro materias de aprendizaxe. Arpa medieval, a cargo de Manuel Vila, corda pulsada, cítolas e lúdes, a cargo de Bor Zuljan, corda frotada, violas, gigas e organistrum, a cargo de Francisco Luengo e canto, a cargo de Paloma Guitiérrez del Arroyo.

Serán 8 horas de formación diaria, de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a  20.00 horas, con clases de interpretación de distintos instrumentos e voces e clases de música de cámara, xuntando diferentes instrumentos.

Aínda que as alumnas e alumnos poderán empregar os instrumentos do Centrad e os que acheguen os profesores, recoméndase contar cun instrumento propio.

As persoas interesadas en asistir deben anotarse previamente a través do enderezo electrónico info.centrad@deputacionlugo.org,  ata o 21 de abril, indicando nome e datos de contacto. Ofrécense 10 prazas por materia. A formación é gratuíta.

0.21421408653259