O CV Emevé recibe o apoio institucional antes de viaxar a Tenerife para disputar a Copa da Raíña

LugoXa
A Deputación de Lugo compromete unha colaboración económica excepcional tras a clasificación histórica do equipo lucense
CV-Emevé-Deputación-de-Lugo
20 Jan 2026

O equipo do CV Emevé, que se desprazará a Tenerife para participar na Copa da Raíña, foi recibido no Pazo de San Marcos da Deputación de Lugo nun acto de recoñecemento polo seu fito deportivo. O conxunto lucense acadou unha clasificación histórica para esta competición, na que xa participou no ano 2022, daquela como equipo anfitrión da edición celebrada en Lugo.

Durante o acto, celebrado no Salón de Actos, o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, puxo en valor a traxectoria do club e destacou a importancia desta nova presenza na Copa da Raíña, subliñando “o apoio continuado e estable ao club por parte da Deputación de Lugo”. Ademais, anunciou “unha colaboración excepcional para contribuír ao financiamento dos gastos relacionados coa participación nesta competición”.

Pola súa banda, a concelleira Cristina López felicitou ás xogadoras e ao corpo técnico polos logros acadados e trasladoulles “o apoio e o orgullo da cidadanía lucense por contar cun equipo feminino que leva o nome de Lugo por todo o Estado”.

O CV Emevé partirá mañá cara a Tenerife coa mirada posta no seu primeiro compromiso do torneo, correspondente aos cuartos de final, no que se enfrontará ao Avarca de Menorca o xoves 22 de xaneiro ás 17.00 horas.

APOIO DA XUNTA

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, tamén recibiu ás xogadoras do primeiro equipo do Club Voleibol Emevé, xunto con representantes da directiva e do corpo técnico, antes da súa viaxe a Tenerife para participar na Copa da Raíña.

Durante o encontro, Arias trasladou ao club os seus desexos de éxito tanto nesa competición como no resto da tempada ligueira e destacou “o esforzo, a constancia e o traballo” desenvolvido polo equipo, “que se traduce en obxectivos cumpridos, coma a clasificación para este torneo nacional”.

O delegado eloxiou a traxectoria do Emevé, subliñando que a súa presenza nunha competición de máximo nivel como a Copa da Raíña “é motivo de orgullo para Lugo e para toda Galicia” e puxo en valor o papel do club “tamén como referente do deporte feminino na provincia”. Neste senso, reafirmou o compromiso da Xunta co fomento do deporte, “especialmente do deporte feminino e de base, como ferramenta de cohesión social e promoción de valores como o esforzo, o compañeirismo e a superación”.

A Copa da Raíña reunirá desde este xoves ata o domingo en Tenerife aos mellores equipos de voleibol feminino do panorama nacional. Dispútana os oito primeiros clasificados ao remate da primeira volta da Liga Iberdrola, entre eles o CV Emevé. O conxunto lucense, adestrado por Alberto Chaparro, iniciará a súa participación no campionato mañá fronte ao Avarca de Menorca, vixente campión do torneo.

⚙ Configurar cookies
0.14730191230774