O deporte inclusivo protagonizará os Xogos Autonómicos de Natación Special Olympics de Lugo

LugoXa
Máis de 150 deportistas con discapacidade intelectual participarán este sábado na competición, que busca favorecer a integración social a través do deporte
presentacion-Special-Olympics-lugo-2025
26 Mar 2025

As piscinas municipais das Pedreiras converteranse este sábado no epicentro do deporte inclusivo en Galicia coa celebración da 27ª edición dos Xogos Autonómicos de Natación Special Olympics.

A competición reunirá a máis de 150 deportistas de 15 asociacións de toda a comunidade, acompañados por adestradores, voluntarios e organización, sumando un total de máis de 200 participantes.

A competición dará comezo ás 10:45 horas co desfile inaugural e desenvolverase ao longo da mañá. Entre os participantes, destacan asociacións lucenses como San Vicente de Paúl e Aspnais, esta última anfitrioa do evento.

O presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández Pérez, sinalou que este tipo de iniciativas favorecen o desenvolvemento físico, psíquico e social das persoas con discapacidade intelectual, contribuíndo a aumentar a súa autoestima e a mellorar a súa autonomía.

No acto de presentación, o concelleiro de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos, destacou a importancia deste tipo de eventos para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual.

"A través do deporte, promovemos a súa integración social, damos visibilidade ás súas capacidades e recoñecemos o labor fundamental das asociacións que traballan neste ámbito", afirmou. E engadiu: "Lugo é sinónimo de deporte e inclusión, e as administracións temos a responsabilidade de impulsar iniciativas que fomenten unha sociedade máis integradora", concluíu Bustos.

A Deputación de Lugo, que colabora na organización coa achega de 8.000 euros, tamén estivo representada no evento polo deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón. Rivera enxalzou o labor de Special Olympics Galicia, resaltando que "levar o deporte á inclusión en termos de accesibilidade, educación e diversidade de oportunidades é un traballo inspirador".

Pola súa parte, tamén estiveron presentes o xefe do Servizo de Deportes da Delegación Territorial da Xunta en Lugo, Manuel Otero, quen destacou que o Goberno galego destina a esta entidade máis de 200.000 euros na presente anualidade para o desenvolvemento de actividades que favorezan o deporte adaptado e accesible a todas as persoas con discapacidade.

⚙ Configurar cookies
0.72558403015137