O Desafío Lóstrego leva cento de motos polos montes da Mariña Lucense

LugoXa | AMariñaXa
A quinta edición da ruta mototurística organizada por Lóstregos Lvcvs reuniu participantes de toda a Península e Portugal para descubrir paisaxes
Desafio-Lostrego-A Mariña
23 Jun 2025

A paixón polas motos e o turismo volveron unirse esta fin de semana na quinta edición do Desafío Lóstrego, unha cita xa consolidada no calendario mototurístico galego e que nesta ocasión levou aos participantes a percorrer os montes e os recunchos naturais da Mariña Lucense.

Organizada polo colectivo Lóstregos Lvcvs, a ruta reuniu centos de motoristas chegados de distintos puntos de Galicia, Asturias, Burgos, Toledo, Valencia e incluso Portugal.

Nesta edición, o percorrido puxo o foco na riqueza paisaxística do norte da provincia de Lugo, ofrecendo aos asistentes a oportunidade de gozar de enclaves naturais como o miradoiro de Muro Novo ou a fervenza do Salto do Coro. A ruta, de 320 quilómetros e apta para todo tipo de motos a partir de 125 cc, desenvolveuse maioritariamente por estradas asfaltadas en bo estado, favorecendo así unha experiencia segura e accesible para todos os perfís de participantes.

A saída e a chegada tiveron lugar, como vén sendo tradición, na cidade de Lugo, epicentro da actividade do colectivo organizador. Como broche final á xornada, antes de regresar á capital lucense, os motoristas tiveron a oportunidade de lanzarse pola tirolina máis longa de Galicia, unha experiencia cargada de adrenalina que puxo o punto final perfecto a unha ruta xa de por si inesquecible.

Durante a xornada, os participantes seguiron un itinerario deseñado para poñer en valor o patrimonio natural e humano da Mariña interior, atravesando montes, vilas e paraxes de gran interese turístico. O ambiente, marcado pola camaradería e o respecto polo medio, reafirmou o espírito dunha iniciativa que ano tras ano gaña peso dentro do panorama do mototurismo galego.

⚙ Configurar cookies
0.14595007896423