O desfile de animais de razas autóctonas foi o protagonista do Día de San Froilán

As rúas do centro de Lugo acolleron un ano máis o Desfile de Gando do San Froilán, con animais de razas autóctonas galegas. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo Rubén Arroxo e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, asistiron acompañados por concelleiras e concelleiros e representantes de distintas institucións ao desfile, que percorreu o treito peonil da Ronda da Muralla, a praza da constitución, continuando por Campo Castelo para dirixirse á praza Maior e Bispo Aguirre.
Maite Ferreiro afirmou que "esta mostra reúne a unha selección de animais de razas autóctonas de Galiza, e é unha das actividades máis esperadas do San Froilán cada ano”.
Os Pelúdez abriron o desfile, ambientado nos anos oitenta e no que puideron verse animais de razas autóctonas como Ovella Galega, Cabra Galega, Galiña de Mos, Porco Celta, Cabalo de Pura Raza Galega, Rubia Galega, Cabalo de Pura Raza Galega, Rubia Galega, Can de Palleiro e Galiña Piñeira -esta última en trámites para ser recoñecida como raza autóctona-; e dous exemplares de burro. Pechou co paso dunha máquina de segar Bertolini cedida polo Muvicla e coches clásicos, da man da Asociación Lucense de Automóviles Antiguos.
O Desfile de Gando complementa á feira agrogandeira ExpoLugo A Rural, promovida pola área de Medio Rural da Vicepesidencia da Deputación de Lugo e que centra a súa actividade no Cantiño Nemesio Cobreros. A carpa ubicada ao lado do Vello Cárcere acolle unha mostra gandeira con animais de máis dunha vintena de razas autóctonas e fóraneas, postos informativos e unha ampla axenda de actividades formativas e lúdicas ao redor do gando. Ferreiro destacou que "trasladar esta actividade ao centro da cidade permite que as veciños e veciñas poidan visitala e poñer en valor o traballo das e dos gandeiros de Lugo".