O Día da Árbore celébrase en Lugo cunha plantación e actividades no Paseo do Rato

A cidade de Lugo conmemorará este sábado 14 de marzo o Día da Árbore ou Día Internacional dos Bosques cunha xornada de plantación e sensibilización ambiental nas beiras do Paseo do Rato, unha actividade organizada para adiantar a celebración mundial desta efeméride, que se celebra cada 21 de marzo.
A Federación de Asociacións de Veciños da provincia promove esta xornada co obxectivo de concienciar sobre o coidado do medio ambiente, a importancia da reforestación e a conservación das zonas verdes, reforzando así o compromiso colectivo co territorio.
A plantación terá lugar ao carón do centro de cestería situado no Paseo do Rato. Para esta actividade, a área municipal de Medio Ambiente do Concello achegará 250 plantas de romeu, perexil e lavanda que se repartirán entre as persoas asistentes.
Pola súa banda, a Deputación de Lugo aportará outras tantas árbores de pequeno tamaño de especies autóctonas, entre elas castiñeiros, nogueiras e acivros, ademais de ceder o terreo para a plantación. No marco desta iniciativa tamén se plantarán 25 acivros de maior tamaño.
Durante a presentación, o alcalde, Miguel Fernández, destacou que esta celebración “é moito máis que unha data de conmemoración”, xa que representa unha oportunidade para reivindicar o coidado dos recursos naturais e fomentar a concienciación ambiental entre as novas xeracións. Segundo explicou, a actividade tamén pretende poñer en valor a necesidade de avanzar cara a un modelo de cidade máis verde e sostible.
En relación coa celebración internacional do 21 de marzo, Miguel Fernández subliñou que as parroquias do municipio exemplifican un modelo de convivencia entre o rural e o urbano que define a identidade de Lugo e contribúe á calidade de vida da súa veciñanza. Neste sentido, repasou diversas iniciativas impulsadas polo Goberno local para reforzar a protección ambiental, entre elas a implantación do contedor marrón para a reciclaxe de residuos orgánicos, a posta en marcha da zona de baixas emisións no centro da cidade e a aposta por un modelo urbano máis sostible e pensado para todas as persoas.
O alcalde tamén destacou o papel das administracións públicas na promoción dunha economía verde e circular, baseada nas enerxías limpas e sostibles, así como na necesidade de impulsar accións educativas que fomenten a sensibilización ambiental entre a cidadanía.
Pola súa banda, o deputado provincial de Medio Ambiente, Carlos López, felicitou á Federación de Veciños Lucus Augusti pola organización desta actividade, que leva celebrándose máis de 30 anos e que, segundo destacou, constitúe un exemplo do compromiso da veciñanza co medio ambiente e co patrimonio natural da cidade.
López lembrou tamén que a Deputación mantén unha liña de actuación centrada na protección do medio natural da provincia e na posta en valor dos seus recursos, ademais de promover accións de educación ambiental. Neste caso, a institución provincial colabora cedendo o espazo para a plantación dos 25 acivros e facilitando 250 exemplares de árbores autóctonas de pequeno tamaño.
Desde a Federación de Veciños Lucus Augusti, o seu presidente, Jesús Vázquez, incidiu na importancia de desenvolver actividades deste tipo para concienciar á sociedade sobre a necesidade de coidar e preservar os recursos naturais. Ao mesmo tempo, fixo un chamamento á participación da cidadanía nesta xornada e a poñer en valor as numerosas zonas verdes coas que conta a cidade.