O Día das Letras Galegas de 2025 está dedicado ás mulleres que contribuíron á lírica popular

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
As mulleres elixidas para representar as cantareiras son unha mostra representativa daquelas transmisoras da cultura popular galega
Cantareira-no-Paseo-das-Palabras-do-Ano-Lugo-2025
17 May 2025

O Día das Letras Galegas 2025, que se celebra este 17 de maio, esta dedicado á poesía popular oral, segundo decidiu a entidade promotora desta efeméride, A Real Academia Galega. Así, este ano as Letras Galegas teñen o obxectivo honrar a aquelas mulleres que dedican a súa vida a poñer en valor a música tradicional galega, empregando a súa voz e as pandeiretas como principais acompañamentos musicais.

O fonsagradino Antón Santamarina, que é académico numerario da Real Academia Galega, explicou no portal académico que “cando presentamos esta candidatura para dedicarlle un Día das Letras Galegas á lírica popular, sabiamos que había por toda Galicia, e mesmo fóra, moitas candidatas posibles, pero reducimos o número a seis mulleres que representasen a todas cantas mulleres cumpriron un papel parecido, moitas con nomes coñecidos e outras anónimas. Todos os etnógrafos salientaron que as mulleres foron as principais transmisoras da lírica popular, pero non podemos esquecer que o fenómeno non é exclusivo delas e que nos cancioneiros tamén hai con frecuencia informantes homes. Todos eles, mulleres e homes, estean na nómina dos lembrados como dos omitidos (non esquecidos), serán protagonistas festexados nesta celebración”, explicou.

Así, o Día das Letras Galegas 2025, dedicado á poesía popular oral, está personificado en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro das Pandeireteiras de Mens (Malpica). É unha representación colectiva, como xa se fixo na elección dos trobadores da ría de Vigo en 1998, cos que se rendeu homenaxe á poesía medieval.

A académica Ana Boullón, sostivo que "un dos factores que dificultou a elección concreta das personaxes que ían encarnar esta candidatura non foi o seu número, senón o carácter anónimo propio da transmisión popular. As mulleres non eran coñecidas fóra dos límites das súas aldeas; os grupos que se constituían nin adoitaban recibir nome nin se axustaban a formatos fixos; non buscaban gabanzas máis alá da súa contorna. Enténdase, pois, que non están todas as que son, senón que se buscou unha mostra representativa destas figuras que coidaron, arrequeceron e transmitiron esta tradición centenaria”, contextualiza a académica.

A RAG recoñece ademais o labor das asociacións culturais que desenvolveron un labor fundamental, non só co traballo de campo de recollida de letras e música, senón tamén coa súas clases de canto, música e baile. “Así, foise espallando entre a xente nova ese tesouro con tan pouca visibilidade social antano e que aínda hoxe require de maior protección institucional como parte do noso patrimonio inmaterial”, enfatiza Ana Boullón, que cita, entre outras, propostas contemporáneas que van desde as levadas ao escenario por Mercedes Peón, Leilía ou Xabier Díaz ata as de Antía e Ameixeiras ou Fillas de Cassandra. “A tradición vólvese vangarda. O folclore, conxunto de tradicións, costumes e manifestacións artísticas dun pobo, non debe ser contemplado de forma arqueolóxica, senón que na súa propia esencia está a evolucionar e cambiar, é zume que nutre novas formas de expresión”, conclúe Ana Boullón.

UNHA SERIE DOCUMENTAL

Co obxectivo de recoñecer a importancia da poesía popular oral, a Real Academia Galega estreou a serie documental 'Se canto é porque quero'. Esta proposta recolle testemuños e experiencias que relatan o mundo das cantareiras e da poesía oral a través de tres capítulos baseados en Rosa e Adolfina Casás Rama, veciñas de Cerceda; as Pandeireteiras de Mens, de Malpica de Bergantiños; e Eva Castiñeira, de Muxía. Ademais, aparecen na produción tamén Mercedes Peón, Fuxan os Ventos, Felisa Segade e as rapazas do Regueifa Tour.

A produción audiovisual afonda nas ideas centrais destas Letras Galegas, nas que a RAG quere reivindicar “a fala do pobo que mantivo vivo o galego ao longo dos séculos, a enorme creatividade da poesía feita anonimamente e a súa vixencia”, salienta o presidente da Academia, Henrique Monteagudo. “Quixemos resaltar a forza viva da tradición dun pobo que segue a cantar porque quere, como di a copla que lle dá título á serie. Como a mocidade está a abrirlle novos camiños con grande éxito”, prosegue. “A natureza colectiva desta festa é outro dos seus esteos”, sinala a secretaria da Academia e promotora da candidatura, Ana Boullón. “Por iso, animamos a que cada vila, cada aldea lembre este 17 de maio as súas propias cantadoras, e que lles dea igualmente voz aos netos e netas que fan seu con orgullo este legado, como reflicte tamén a serie”, engade.

A serie arranca na Vila da Igrexa, rememorando o encontro entre Schubarth e Rosa e Adolfina Casás Rama. Relátao na propia aldea das homenaxeadas Richi Casás, neto e sobriño neto de ambas as cantareiras. “No primeiro episodio, Rosa e Adolfina. 'As recollidas onte e hoxe', quixemos insistir na importancia de documentar e recoller as coplas e as músicas populares, e mais a necesaria complicidade entre as persoas informantes e quen realiza estes traballos”, explica Alba López Álvarez. É un traballo que iniciou Sarmiento hai trescentos anos e que ten a súa biblia no Cancioneiro de Schubarth e Santamarina, realizado entre finais dos anos 70 e principios dos 80 do século pasado. Pero Se canto é porque quero recorda tamén o labor xeneroso de moitas outras persoas que percorreron o país, de rueiro en rueiro, rexistrando a memoria de milleiros de versos.

O segundo capítulo, 'As pandeireteiras de Mens. Da aldea á cidade', conta cos testemuños de Isabel García Quintela e Manel Fernández Pensado, presidenta e presidente de honra da Agrupación Folclórica Aturuxo da Coruña, da que formaron parte as cantareiras de Malpica de Bergantiños. A narración prosegue coas intervencións das cantareiras da Asociación Cultural Raigañas de Cerqueda (Malpica de Bergantiños), que lembran o papel das agrupacións nas vilas e aldeas onde se recuperaron os cantos e os bailes; e máis Carme e Uxía da Pontragha, que tras aprender das súas maiores en Tordoia hoxe son mestras de canto e pandeireta nun ambiente urbano. Tamén intervén nesta segunda entrega a cantadora e tocadora Antía Vázquez, membro de Alana, que explica de modo didáctico a estrutura dunha cantiga.

No terceiro episodio, 'Eva Castiñeira. A necesidade de perdurar', Martín Mondragón (Mondra) e Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras (Caamaño&Ameixeiras) manteñen un encontro co alumnado do CEIP Os Muíños para lle aprender a crear novas coplas e músicas partindo da tradición. Tereixa Novo, Carmen Vázquez e Pedro Lucas, de Fuxan os Ventos, e Felisa Segade, de Leilía, lembran pola súa parte as achegas de ambas as formacións á recuperación das letras e da música popular nun episodio que remata ollando ao futuro coas regueifeiras adolescentes do Regueifa Tour.

A PALABRA DO ANO 2024

Ademais de dedicar o Día das Letras Galegas ás cantareiras, a palabra ‘Cantareira’ foi a escollida como Palabra do Ano 2024. Cantareira, con 25 por cento dos votos, foi a palabra que obtivo máis apoios das persoas participantes nunha elección na que o público se decantou maioritariamente polas opcións patrimoniais. Na primeira acepción do dicionario da RAG, cantareiro, -a define a persoa que sabe cantar ou afeccionada a facelo e ten como sinónimos cantadeiro, -a, cantador, -a e cantaruxeiro, -a. Como adxectivo, esta voz ten unha segunda acepción similar, “que emite un son agradable e melodioso”, pero a Palabra do Ano 2024 refírese á forma substantivada cantareira, que se aplica á muller que canta cantigas populares. O termo créase en todos os casos sobre o verbo cantar, que procede do equivalente latino ‘cantare’.

A Palabra do Ano escóllese a través do Portal das Palabras, un proxecto da RAG e a Fundación Barrié para a modernización do traballo lexicográfico e a divulgación da lingua galega que cada semana ofrece xogos e outros contidos divulgativos que conectan o léxico galego coa realidade cotiá e a actualidade dun xeito ameno. Dende 2014, o Portal das Palabras convida ademais a todas as persoas que o desexen a participar na escolla da Palabra do Ano. A última incorporación non é a primeira que alude á forza das coplas e da música popular galega. No ano 2021 a voz elixida foi tanxugueiras, o topónimo que lle dá nome ao grupo formado por Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro, un referente dos novos camiños que está a abrir con grande éxito a nosa música tradicional.

As demais palabras do ano son ata o momento cibercarracho (2023) comadre (2022), nós (2020), sentidiño (2019), deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014).

Víctor F. Freixanes, expresidente da RAG, sostén que “as cantareiras representan ese pulo vital, esa enerxía histórica que fixo que a lingua galega puidese pasar de xeración en xeración, de nais a fillas, de avoas a netas. A súa transmisión oral tamén é literatura. As letras, a lingua, son algo que ferve na sociedade, que levamos dentro, que transmitimos construíndo o futuro a partir desa memoria. Cada vez que falamos galego cos nosos netos e netas estamos transmitindo a ilusión de construír país entre todos, porque a lingua é algo que nos une, é o cemento que nos une”, concluíu.

En Lugo, a Tenencia de Alcaldía do Concello organiza cada ano un acto para homenaxear este recoñecemento á Palabra do Ano e para engadir a palabra 'Cantareira' ao Paseo das Palabras do Ano de Lugo, situado na rúa Mallorca. Así o destacaba Rubén Arroxo, tenente de alcalde de Lugo: “Cada ano realizamos esta intervención artística que xa converteu a rúa Mallorca nun atractivo turístico máis de Lugo", explicou Arroxo, quen tamén subliñou o valor desta iniciativa para poñer en valor a lingua galega.

E, pola súa parte, Víctor Freixanes, que tamén participou no acto, xunto con Diego Rodríguez, académico e bibliotecario da Fundación Barrié, afirmou que a palabra 'Cantareiras' representa "a enerxía do pobo que fixo que a lingua galega puidese pasar de xeración en xeración a través desa tradición de transmisión oral".

⚙ Configurar cookies
0.091904163360596