O Día do Maior en Lugo reuniu a máis de cen persoas nunha xornada de convivencia

O Concello de Lugo celebrou o Día do Maior cunha xornada de convivencia no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL), que contou coa participación de máis de cen persoas. O acto central foi a conferencia do recoñecido investigador e catedrático de Medicina Legal, Ángel Carracedo, acompañado por Esther Olveira, directora do cuarto ciclo da USC, quen arroxou luz sobre os principais cambios que acompañan á etapa da terceira idade.
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e a concelleira de Cohesión Social, Olga López Racamonde, asistiron á cita e destacaron a importancia de xerar espazos que promovan a participación activa das persoas maiores. Fernández subliñou que o evento foi unha mostra do compromiso do Goberno local cos maiores, tanto pola convivencia lúdica como polo contido didáctico e formativo da charla, que cualificou de “alto nivel grazas á presenza dun investigador da talla de Carracedo”.
Pola súa parte, López Racamonde puxo en valor “o luxo que supón contar cun experto de referencia internacional para falarnos dos cambios máis relevantes desta etapa vital, nun encontro que tamén serviu para reforzar os vínculos sociais e evitar o illamento”.
Durante aproximadamente unha hora, Carracedo abordou cuestións clave da saúde asociadas á terceira idade, con especial atención ás transformacións biolóxicas propias deste período, ao tempo que explicou conceptos vinculados ao proxecto xenoma e a súa relevancia na investigación científica.
Tras a conferencia, o MIHL acolleu unha comida de convivencia que serviu para compartir experiencias, conversar e estreitar lazos entre a veciñanza. Neste senso, a concelleira sinalou que o obxectivo da programación era, ademais de ofrecer un espazo de encontro, proporcionar coñecementos útiles para o día a día das persoas maiores e dar visibilidade aos cambios que implica esta etapa da vida.
Con esta charla divulgativa, enmarcada na conmemoración do Día Internacional das Persoas Maiores, púxose o broche final ao ciclo de conferencias impulsado pola área de Cohesión Social. López Racamonde fixo un balance “moi positivo” da iniciativa, que culminou cunha sesión de grande interese e cunha elevada participación.