O dispositivo especial de limpeza mobiliza 94 operarios e 43 vehículos
O executivo de Paula Alvarellos, a través da Área de Transición Ecolóxica que dirixe Miguel Fernández, habilitará un dispositivo especial de limpeza viaria e recollida de lixo durante o Arde Lvcvs. Este reforzo, que mobilizará 94 operarios e operarias e un total de 43 vehículos, “ten como obxectivo que Lugo poida ofrecer a súa mellor imaxe aos milleiros de visitantes que chegaran nestas datas e que os lucenses e as lucenses non vexan alterada a calidade dun servizo cada vez mellor valorado”, subliña o edil.
Fernández avanza que a planificación, deseñada polos técnicos municipais en colaboración con Ecolugo, “incidirá nos espazos e momentos do día nos que se agarde unha elevada presenza de público ou xeración de refugallos”. O responsable de Transición Ecolóxica destaca tamén que “para anticiparnos ás necesidades de limpeza que van derivar do aumento de público na fin de semana, tanto o sábado como o domingo os traballos comezarán ás 6.00 horas da mañá”. Ademais, para garantir unhas óptimas condicións de salubridade nas rúas da cidade, o Concello de Lugo instalará un total de 42 sanitarios portátiles, dos que 12 serán adaptados, en distintos puntos do trazado urbano.
Os equipos xa desenvolveron unha primeira fase nas semanas previas cunha limpeza exhaustiva, mediante o emprego de maquinaria de vapor e alta presión, das rúas Centro histórico, os tramos peonís da Rolda dá Muralla, Praza de Santa María, Rúa dá Raíña, Bispo Basulto ou Praza de Pío XII. Esta posta a punto completouse co mantemento das papeleiras, o rozado e retirada da maleza do Centro histórico, e a eliminación de pintadas en toda a zona intramuros cunha máquina de vapor.
Ademais, instaláronse contedores nas zonas próximas aos campamentos situados no Parque Rosalía, a Praza Anxo Fernández Gómez, o Camiño Nemesio Cobreros, a Praza da Constitución, a Praza Maior, a Praza San Marcos e a Rúa Quiroga Ballesteros. Do mesmo modo tamén se colocaron puntos de recollida de residuos na chancela do pavillón municipal, na que se celebrará o Circo Romano e “recuperamos a colocación de 4 illas emerxentes para a reciclaxe selectiva (bolsas negra, amarela, papel e cartón e vidro) – que fixemos por primeira vez o ano pasado – que irán situadas en puntos estratéxicos como son as Prazas de Santo Domingo, Horta do Seminario, Anxo López Pérez e o Parque Rosalía de Castro”, destaca o edil.
A recollida, tanto nas illas emerxentes como nos contedores, será efectuada coa frecuencia precisa para evitar desbordes. Co obxectivo de garantir o servizo nos puntos cunha maior afluencia de público, incrementarase o número de colectores na zona intramuros e tamén estarán operativos os contedores soterrados, que serán baleirados con maior frecuencia da actual.
Menos molestias e maquinaria máis sostible
Un dos aspectos máis destacados do dispositivo deseñado para este ano será o emprego de maquinaria eléctrica co fin de reducir as molestas causadas polo ruído e a emisión de gases contaminantes para atmosfera. “Un dos piares da renovación do servizo de recollida de residuos e limpeza viaria que estamos a desenvolver é o emprego de vehículos que reduzan os ruídos e a contaminación practicamente a cero. O dispositivo que deseñamos para este Arde Lvcvs exemplifica á perfección o noso compromiso coa redución de residuos, grazas á circularidade, e coa mitigación da nosa pegada de carbono ao empregar maquinaria impulsada por enerxías limpas”, destaca Miguel Fernández.
A limpeza viaria realizarase cos seguintes equipamentos: 2 varredoras de calzada de gran capacidade impulsadas por GNC, 5 varredoras de beirarrúas eléctricas, 2 baldeadoras eléctricas de beirarrúas, 4 cisternas de rego e baldeo, 2 equipos con baldeo a presión, ademais de 12 triciclos eléctricos co obxectivo de poder chegar a todas as zonas e cubrir a limpeza do maior radio posible no menor tempo.
Medios humanos
Fernández avanza que “todo o cadro de persoal estará en activo para a correcta prestación dos servizos, distribuídos en zonas e quendas apropiadas a cada momento. Ademais, os mandos intermedios dispoñibles as 24 horas do día, para poder abordar calquera imprevisto”.
O equipo prestará especial atención aos puntos de reforzo de limpeza e recollida, que serán as rúas do Casco histórico e os lugares nos que se celebran actos, espectáculos e desfiles (Paraza de Santa María, Rúa Cidade de Vigo, San Roque, ou Rolda da Muralla, entre outras). Ademais, unha persoa do cadro de persoal estará sempre dispoñible na recuperada zona do Tabernarium, que se situará na Praza de Abastos, na Rúa Quiroga Ballesteros e na Praza de Santo Domingo.
Por último, o luns 17, desde primeira hora, levarase a cabo a limpeza e recollida de residuos de todas as zonas nas que se desenvolverán actos baixo a supervisión das persoas responsables da organización dos servizos. que desenvolverán un plan especial de recollida con maior fincapé alí onde estiveron asentados os campamentos.