O dispositivo integral de limpeza de Lugo comeza os traballos no barrio da Residencia
Dende este luns o dispositivo integral de limpeza habilitado pola área de Medio Ambiente desprazarase ao barrio da Residencia.
Así, nas vindeiras xornadas os efectivos das empresas encargadas do aseo urbano, o mantemento das zonas verdes e a revisión dos parques infantís -apoiados polas brigadas municipais- unificarán os seus esforzos nesta contorna para mellorar o seu acondicionamento, sen descoidar o labor ordinario que levan a cabo diariamente.
Así pois, sinalouse que o operativo se encargará da roza de vías e predios municipais, da limpeza dos sumidoiros e dos colectores así como dos bancos e resto do mobiliario urbano con máquinas a presión que tamén se empregarán na eliminación de graffiti, do baldeo das rúas e perfilado do céspede; desherbaranse os camiños interiores das zonas verdes e colocarase planta con flor, alén de limpar e amañar os alcorques das árbores e de podar sebes e arbustos.
Logo de que os traballos conclúan neste punto da capital, o dispositivo continuará polas Gándaras, Sagrado Corazón e Galegos.