O documental 'A loita final' estréase na Casa da Cultura de Palas de Rei

O documental “A loita final” estréase este sábado, 12 de abril, ás 20:00 horas na Casa da Cultura de Palas de Rei.
Dirixido por Enrique Banet e producido por Mabel Rivera, esta peza audiovisual aborda os posibles efectos da implantación da macrocelulosa Altri no corazón de Galicia.
A película nace dunha forte preocupación ante a posibilidade de que un proxecto de tal envergadura se levase a cabo na rexión. Mabel Rivera, recoñecida actriz galega e productora do documental, subliña que "aínda non se coñecen coa profundidade que deberían certas cuestións" e engade que unha das motivacións principais para a súa creación foi "o alarmante informe do Consello da Cultura Galega".
“A loita final” foi realizado de maneira desinteresada e estará dispoñible para todas aquelas persoas que desexen velo. Rivera tamén destaca que o documental representa "un labor de servizo público que agora mesmo non se está a cubrir pola televisión pública".
O obxectivo dos seus autores está claro: "que a xente teña a posibilidade de coñecer esta información e, a partir de aí, que decida libremente". Esta é unha excelente oportunidade para os veciños e veciñas de Palas de Rei e arredores de informarse sobre un tema de gran relevancia para a súa contorna.