O domingo celébrase o festival Primavera de Voces Xoves do Coro Xuvenil de Lugo

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo será o escenario este domingo, 6 de abril, do festival Primavera de Voces Xoves, organizado polo Coro Xuvenil de Lugo.
Na súa primeira edición, este evento contará coa participación do Coro Xuvenil de Lugo, xunto cos coros xuvenís Amdor da Agrupación Musical do Rosal e Diamond de Campo Lameiro.
O concerto comezará ás 19:00 horas no Salón de Actos da Delegación Territorial, cunha entrada de balde. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o presidente do Coro Xuvenil de Lugo, Pablo Rico, explicaron que esta iniciativa busca fomentar a música coral na cidade e incentivar a participación da mocidade en espazos de socialización e formación artística.
Arias destacou a implicación do Goberno galego no apoio ao evento, sinalando que "contribuímos a seguir ampliando a oferta lúdica e cultural en Lugo e a atraer visitantes á cidade".
O festival Primavera de Voces Xoves promete ser unha cita destacada para a mocidade e os amantes da música coral, que poderán gozar dunha tarde cultural de calidade.