O edificio Impulso Verde de Lugo albergará a nova aceleradora TurisTalent 5.0
A nova aceleradora TurisTalent 5.0, impulsada polo Executivo de Paula Alvarellos, empezará a funcionar a comezos do vindeiro ano con sede no edificio Impulso Verde, situado na Garaballa.
O Goberno Local vén de publicar na Plataforma de Contratación do Sector Público a licitación deste programa de aceleración de proxectos empresariais innovadores no sector turístico e enogastronómico.
“O obxectivo desta iniciativa é impulsar proxectos innovadores e susceptibles de atraer investimentos, acompañándoos na validación das súas propostas, a posta en marcha, a maduración e a procura de financiación. Deste xeito pretendemos dinamizar un sector que aínda ten moito marxe de crecemento na nosa cidade o que sen dúbida vai a contribuír a xerar emprego, fixar poboación e reforzar a nosa economía local”, lembrou a rexedora.
As empresas interesadas en concorrer ao contrato para a xestión e posta en marcha do programa, que conta cun orzamento base de licitación de 167.664 euros, terán de prazo ata o vindeiro día 16 de decembro para presentar as súas ofertas.
A iniciativa enmárcase no Plan de Sostenibilidade Turística en Destino '…Et Edendo, Lucus: Un percorrido histórico pola enogastronomía', para o que o Goberno Local acadou 2 millóns de euros de fondos europeos Next Generation.
Os beneficios da aceleradora
Esta aceleradora busca converterse nun espazo de referencia do emprendemento no sector turístico e enogastronómico en Lugo xa que permitirá identificar e canalizar todos os recursos e ferramentas do ecosistema emprendedor, tanto a nivel público como privado, co obxectivo de poñelos ao dispor dos emprendedores participantes e os seus proxectos.
Ao ser unha aceleradora pública, busca proxectos invertibles e rendibles cos que obter un retorno dos investimentos e quere impulsar e apoiar a creación de novas empresas no sector turístico e enogastronómico; diversificar e modernizar o tecido empresarial lucense; a creación de emprego cualificado atraendo e retendo talento; ao tempo que identificamos e impulsamos ideas de negocio con posibilidades de éxito nestes sectores.
Trátase dun programa de alto rendemento de nove meses de duración que combinará, baixo a supervisión dun equipo de expertos: formación, tutorización, mentoring, asesoramento especializado e procura de financiamento, co fin de poder validar as propostas, arrincar e acelerar as iniciativas empresariais que participen nel.
Ao longo deste programa, avaliaranse os progresos dos equipos coa finalidade de que os proxectos sexan presentados a investidores e/ou socios industriais e/ou tecnolóxicos.
Esta iniciativa busca promover o emprendemento turístico e enogastronómico orientado cara á sustentabilidade e enfocado nos recursos turísticos e enogastronómicos endóxenos (patrimonio, natureza, gastronomía, produtos, materias primas, actividades que obriguen a pernoitar, etc.). Deste xeito, preténdese articular un mecanismo de xeración de talento na actividade turística e especialmente na parte enogastronómica.