O Edificio Impulso Verde de Lugo elixido Mellor Proxecto do 2021 no concurso de CUPA

LugoXa
El Edificio Impulso Verde elegido por la ciudadanía como Mejor Proyecto 2021 en el concurso internacional lanzado por CUPA.
Edificio Impulso Verde
12 Dec 2021

O Edificio Impulso Verde de Lugo foi elixido como o Mellor Proxecto do 2021 dos seleccionados no concurso internacional que lanzou a firma CUPA, líder mundial no sector da lousa natural, no que competía con catro proxectos de Reino Unido, Francia e Dinamarca.

A convocatoria lanzouse nas redes sociais internacionais da empresa co fin de que fose a propia cidadanía a que votase o mellor proxecto e o uso da lousa nos edificios. A construción lucense (https://www.instagram.com/tv/CW76JbRoLa_/?utm_source=ig_web_copy_link) foi a que acadou a maioría de votos (2.524), cunha diferencia de case 600 sobre o segundo elixido, con 1.946, de Reino Unido.

O edificio lucense, impulsado polo Concello de Lugo e que incorpora os avances investigadores do Campus Terra (USC) e da Universidade Politécnica de Madrid, é o primeiro de carácter público da comunidade construído en madeira local e é xa un referente na loita contra o cambio climático, capaz de producir con enerxías alternativas o seu consumo. Ademais, o uso da madeira como elemento construtivo permitirá emitir un 90% menos de CO2 á atmosfera que os edificios de formigón e aceiro e absorberá 280 toneladas de emisións, o que significa que está axudando xa nunha alta porcentaxe a reducir o efecto invernadoiro.

Ademais de madeira local, o inmoble está revestido por lousa galega.

Desde un punto de vista espacial, o edificio conectará ao usuario coa natureza a través do emprego da madeira e da inserción de espazos axardinados, destinados ao descanso e a distensión xa que estará rodeado dun novo parque con pavimentos drenantes, especies autóctonas, xardíns de choiva e unha ampla zona de hortos urbanos innovadores e de usos comunitarios cunha funcionalidade terapéutica e didáctica en prol da convivencia interxeracional.

O Impulso Verde é o primeiro en España e un dos poucos no mundo que logra a prestixiosa certificación de proxecto FSC (Forest Stewardship Council). Este visado garante que toda a madeira utilizada, igual en estruturas que en encofrados, procede de fontes xestionadas segundo estritos estándares de sustentabilidade tanto ambientais como sociais.

O edificio é a semente do primeiro barrio multiecolóxico que se levantará en España.

0.063786029815674