O edificio Impulso Verde de Lugo, pioneiro en sustentabilidade

LugoXa
O edificio, que o Concello executa en Infanta Elena, será o primeiro en lograr a prestixiosa certificación de proxecto FSC en España
lugo edificio impulso verde 2
8 Mar 2021

O novo edificio Impulso Verde que o Concello de Lugo está a executar na avenida Infanta Elena, no marco do proxecto LIFE Lugo+Biodinámico, será "o primeiro en España e un dos poucos no mundo" que logra a prestixiosa certificación de proxecto FSC (Forest Stewardship  Council). Este visado garante que toda a madeira utilizada na construción procede de fontes xestionadas segundo estritos estándares de sustentabilidade, tanto ambientais como sociais.

Así o anunciou a alcaldesa, Lara Méndez, quen apuntou que “a certificación que vimos de acadar garante que a obra non contribúe á deforestación e aposta por un produto local, á vez que ofrece máxima eficiencia e convértese en ferramenta activa de loita contra o cambio climático”.

A rexedora engadiu que “este recoñecemento supón un novo pulo ao proxecto co que Lugo se sitúa á vangarda no urbanismo sostible e o deseño das cidades verdes do futuro. É un privilexio contar na nosa cidade coa primeira edificación que acada este certificado no país, o que nos anima a seguir traballando nesta liña para acadar novos obxectivos e, sobre todo, para acadar un Lugo máis moderno, sostible e resiliente”.

Toda a estrutura da pioneira construción, que está feita en madeira certificada 100% procedente da Mariña Lucense, foi tratada en plantas de Alfoz e Trabada e integrada en estruturas de paneis contralaminados CLT de alta calidade técnica que estes días instala a empresa adxudicataria do proxecto.

Estas obras avanzan a bo ritmo: xa se levou a cabo a montaxe da estrutura da planta baixa e as tres plantas superiores, e actualmente estanse rematando paredes e tubos de ventilación, traballos previos á colocación da escaleira que se iniciará nos vindeiros días. A continuación procederase a instalar o armazón norte e finalmente a cuberta gridshell.

Segundo fontes municipais, o edificio Impulso Verde, presentará un balance enerxético case nulo, pois emitirá un 90% menos de CO2 á atmosfera. Ademais, a súa maior eficiencia e illamento supoñerá un aforro enerxético dun 74% con respecto aos vellos edificios de oficinas e dun 54% respecto a os de nova construción.

lugo edificio impulso verde

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.19361901283264