O edificio Impulso Verde, finalista dos Premios Rebuild 2021

LugoXa
O edificio Impulso Verde, que se está a construír na Garaballa dentro do proxecto Life Lugo+Biodinámico, foi seleccionado finalista.
lugo edificio impulso verde 2
21 sep 2021

O edificio Impulso Verde que se está a construír na Garaballa dentro do proxecto Life Lugo+Biodinámico foi seleccionado como un dos finalistas dos Premios Rebuild 2021, que recoñecen os proxectos máis innovadores do sector da edificación. Este certame celebrarase no marco do Congreso Nacional de Arquitectura Avanzada e Construción 4.0, que terá lugar en Madrid.

Trátase dunha iniciativa que aborda a transformación da construción en España e na que se exporá como referente nacional, o modelo de cidade verde.

O Congreso Rebuild 2021 é o maior foro de coñecemento e tendencias do país no que participarán (en cinco auditorios simultáneos diferentes) máis de 260 expertos para amosar os proxectos máis disruptivos e casos de éxito para cada segmento do ámbito da edificación (vivenda, hotel, retail, oficina, sociosanitario e institucional) contando, alén, cunha axenda propia para cada perfil profesional. 

PREMIOS

Rebuild premiará un ano máis a innovación aplicada á edificación a través dos  Advanced Architecture Awards 2021. A través destes premios, porase de relevo o traballo, esforzo e liderado de todas as empresas, institucións e profesionais que apostan pola innovación e a disrupción. Estes galardóns recoñecerán a creación de novos materiais, o desenvolvemento de produtos alternativos, os sistemas de edificación que vaian na liña da sustentabilidade ou aqueles procesos que favorezan a unha industrialización da súa produción.

Os galardóns divídense en cinco categorías e o Impulso Verde resultou finalista na modalidade Proxecto de Sustentabilidade, Descarbonización ou Maior Autoxeración de Enerxía nun Edificio.

Cómpre lembrar que este será o primeiro edificio público en Galicia construído integramente con madeira local e a semente do primeiro barrio multiecolóxico de Lugo, o primeiro de España deseñado dende cero. Contará, ademais, coa certificación Verde e será o primeiro edificio español con certificación de proxecto FSC (Forest Stewardship Council). O edificio, de 18 m de altura destinarase a actividades vinculadas ao medio ambiente e á loita contra o cambio climático.

Os  Advanced  Architecture  Awards 2021 están dirixidos a todos os profesionais, expertos, académicos, técnicos, axente público, axente de arquitectura ou enxeñería que aposta pola innovación e a mellora de procesos no ciclo de vida de calquera actividade dentro do sector da construción e a edificación.

0.20106387138367