O edificio Impulso Verde recibirá a visita do equipo Climate Smart Forest Economy Program
O edificio municipal Impulso Verde, do Life Lugo + Biodinámico, recibirá a visita do equipo de dirección e técnico do Climate Smart Forest Economy Program (Programa de Economía Forestal Inteligente para el Clima), iniciativa que conta coa colaboración de socios como o Foro Económico Mundial e EIT Climate-KIC, principal iniciativa de innovación climática da UE.
O CSFEP amosou o seu interese por coñecer as características que fan deste edificio unha construción única e emblema do modelo de urbanismo lucense que se está a desenvolver, co fin de adoptalo como exemplo de estudo de construción innovadora e sostible.
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañará nesta visita, o vindeiro luns, día 28 deste mes, ao equipo integrado por 15 expertos, procedentes de 6 países de 3 continentes diferentes: Sudáfrica, Estados Unidos, Suíza, Francia, Reino Unido e Croacia, que tamén coñecerán o novo bosque urbano de 20 hectáreas de Lugo, onde, entre outras plantacións, se recrean 8 bosques autóctonos galegos.
Esta visita enmárcase na reunión anual do Comité Directivo do Climate Smart Forest Economy, que se celebrará en Galicia este ano. O programa, que conta co financiamento da Fundación Good Energies e co apoio do Consello Científico independente de The Nature Conservancy e de Dalberg Catalyst, ten como principal obxectivo velar por que a cadea de valor dos bosques e as economías dependentes dos mesmos sexan climaticamente intelixentes e poidan garantir o benestar ambiental e social da súa contorna.
Segundo avanzou a rexedora, o “CSFEP ten como misión final xerar e difundir coñecemento, inspirar tanto ao sector público como ao privado e apoiar iniciativas que demostren como a aposta pola economía verde baseada nos bosques ben xestionados pode xerar beneficios climáticos, sociais e económicos a nivel local e global, aspectos nos que o Concello de Lugo está a traballar con iniciativas moi innovadoras e de vangarda como o Impulso Verde, xerme do primeiro barrio multiecolóxico, que se levantará na cidade”.
O interese mostrado polo edificio Impulso Verde débese ás características únicas do seu proceso de planificación, desenvolvemento e execución, con avances ambientais como o uso da madeira como elemento estrutural ou o seu consumo enerxético case nulo reducindo as emisións de CO2 á atmosfera nun 90% con respecto a construcións homólogas de formigón e aceiro.
O edificio é a primeira construción de carácter público de Galicia levantada en madeira local e é, ademais, o primeiro en España e un dos poucos no mundo en obter a prestixiosa certificación de proxectos FSC (que garante que non contribúe á deforestación e aposta polo produto local), converténdose nun referente na loita contra o cambio climático, capaz de xerar con enerxías alternativas o seu propio consumo.
O Impulso Verde resultou gañador no 2021 dun certame internacional grazas á súa cuberta de lousa galega e foi finalista dos premios Rebuild debido ás súas innovadoras características construtivas. A súa cuberta tamén foi galardoada no Congreso Mundial da Enxeñaría da Madeira de Seúl, o máis importante do mundo
Con esta visita, o LIFE Lugo + Biodinámico consolida o seu obxectivo demostrativo, divulgando o coñecemento adquirido ao longo do proxecto.
O Concello de Lugo impulsa o LIFE Lugo + Biodinámico para unir de maneira indisoluble o desenvolvemento urbanístico e a sostibilidade económica da cidade. Con este proxecto, Lugo sitúase como un referente europeo na acción fronte ao cambio climático en contornas urbanas, á vez que se promove un novo modelo produtivo baseado no desenvolvemento de todo o potencial dos recursos naturais de proximidade, apostando firmemente por unha economía sustentable e a xeración de empregos verdes.
O LIFE Lugo + Biodinámico desenvólvese con fondos da Unión Europea a través do Programa LIFE. Cofinanciado polo Concello lucense, conta tamén con financiamento da Deputación de Lugo e co labor de investigación da Universidade de Santiago de Compostela, desde o Campus Terra de Lugo, e da Universidade Politécnica de Madrid.