O edificio lucense Impulso Verde foi recoñecido co Premio Mapei 2024
O Impulso Verde, o edificio impulsado polo Goberno Local no barrio da Garaballa, e construído integramente en madeira autóctona, foi recoñecido co Premio Mapei 2024, un prestixioso galardón co que se distingue aos grandes proxectos da arquitectura sostible.
A arquitecta municipal e coautora do proxecto, Susana Penedo Souto, foi unha das encargadas de recibir o premio, xunto a Antonio José Lara Bocanegra, nunha gala celebrada na sede do Colexio Oficial de Arquitectos de Madrid.
Segundo xurado do premio, o Impulso Verde se fixo con esta distinción “por ser un edificio donde la sostenibilidad se compagina armónicamente con la rotundidad formal convirtiéndose en un icono urbano del espacio en el que se asienta”.
Pola súa banda, o coautor do proxecto xunto a Susana Penedo e o resto de membros do equipo multidisciplinar, Antonio José Lara Bocanegra, felicitou ao Concello de Lugo como promotor da obra e sinalou que desde esta Administración local “estase a realizar un impulso grande por cambiar o modelo urbano poñendo en valor os recursos locais, en concreto os recursos forestais”.
Nesta edición quedaron finalistas un total de 16 obras de toda a xeografía nacional, que optaron ao premio en tres categorías. Na de equipamento, o edificio de selo lucense tivo que competir con outros cinco grandes proxectos: Colegio Mayor Somosierra (Madrid); Reforma y ampliación de la Facultad de Filosofía y Letras de Zaragoza (Zaragoza), Hotel Acouga (Ourense); Mercado Provisional de Horta (Barcelona) e Centro de Primera Acogida para Mujeres sin hogar (Barcelona).
O Impulso Verde foi o primeiro edificio público de Galicia construído integramente con madeira autóctona, demostrando así que a construción tecnolóxica e sostible realizada con materiais de proximidade, naturais e renovables é posible. A súa maior achega é a aposta polo uso da madeira de proximidade en aplicacións estruturais, como estratexia para estimular a bioeconomía e xerar valor engadido aos recursos naturais locais.
Segundo explicaron no transcurso da gala, celebrada esta mañá no COAM, o Premio Mapei busca recoñecer e promover obras de arquitectura que non só exhiban excelencia en deseño e execución, senón tamén un compromiso firme coa sustentabilidade e a responsabilidade ambiental. Un galardón no que tamén se valora de xeito importante a creatividade, a viabilidade técnica e a capacidade de xerar un impacto positivo na contorna construída e na calidade de vida das persoas.