O edificio multiusos acolle hoxe unha xornada informativa para maiores
A Xefatura Territorial da Consellería de Política Social e Xuventude organizou para hoxe, luns 29 de xaneiro, unha xornada informativa sobre diversos temas de interese para persoas maiores xestionados pola Administración autonómica. A charla foi solicitada pola Asociación de Xubilados e Pensionistas de Lugo e está aberta a todas as persoas interesadas. Será ás 17,30 horas no salón de actos da Delegación Territorial, na ronda da Muralla.
Entre as cuestións que se abordarán figura o procedemento para a declaración da dependencia e os servizos que ofrece a Xunta ás persoas que teñen recoñecida esta situación. Así, explicaranse os principais aspectos relacionados co Servizo de Axuda no Fogar (SAF), a teleasistencia domiciliaria ou o acceso a recursos como centros de día, residencias, vivendas comunitarias e Casas do Maior.
Tamén se informará do novo complemento de 1.200 euros anuais ao Bono Residencia e daranse a coñecer as novidades do Bono Coidado no Fogar; ademais doutras medidas de apoio como as axudas do Bono Social Térmico e a Tarxeta de Mobilidade de Galicia que facilita viaxes gratuítos a maiores de 65 anos. Igualmente, falarase de prestacións que dependen da Xunta como a Renda de Integración Social de Galicia (Risga) e as axudas ao alugueiro.
Na xuntanza intervirán o xefe territorial da área de Política Social, Javier Vázquez Nodal; as xefas dos servizos de dependencia e de prestacións e inclusión; así como persoal da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade en Lugo.