O embaixador de Cuba en España visita Lugo

LugoXa
O presidente da Deputación de Lugo ofreceu no Pazo de San Marcos unha recepción institucional ao Embaixador de Cuba en España
29 Xul 2022

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, ofreceu este venres no Pazo de San Marcos unha recepción institucional ao embaixador de Cuba en España, Marcelino Medina, nun encontro que puxo en valor os lazos, a cordialidade e a proximidade que a provincia sente cara o conxunto dos países iberoamericanos e caribeños. “Temos un gran futuro por diante, e debemos traballar para fomentar as vías de intercambio ao longo do Atlántico como un elemento de desenvolvemento para os nosos respectivos países. Estou seguro de que o faremos aproveitando as fondas raíces que nos unen”, asegurou o Presidente.

“É certo que, neste momento, temos que facer un esforzo conxunto para recuperar a normalidade de todos os sectores e actividades que se viron afectadas polo impacto da pandemia”, subliñou o mandatario provincial, quen explicou que “a necesidade de loitar contra a pandemia impuxo unha serie de medidas, necesarias, que se deixaron sentir na actividade económica. A industria, os intercambios comerciais ou o turismo son algunhas das actividades que se viron retardadas, cando non plenamente interrompidas”.

José Tomé apuntou que “precisamos dun traballo extra para recuperar a normalidade deses fluxos. Especialmente nun momento no que Europa sae das limitacións sanitarias cunha guerra na súas fronteira leste”. Sinalou que o futuro de Europa “pasa por reequilibrar as súas políticas internacionais, por revisar as súas relacións con outros espazos políticos e xeográficos”, e que España e Galicia están nunha posición estratéxica para axudar ás autoridades europeas a aproveitar o potencial que se deriva das relacións con América Latina e os países do caribe.

Quixo o presidente ter un recordo para os 200.000 emigrantes galegos enterrados no Cemiterio Colón da Habana, “construído polo galego Calixto Loira na segunda metade do século XIX e un dos máis fermosos do mundo”. E lembrou que este Monumento Nacional cubano conta con 28 mausoleos levantados por sociedades da provincia de Lugo. “Penso que este dato ten unha enorme forza simbólica, porque resume a puxanza da nosa historia común e dá unha idea clara da inxente cantidade de galegos e lucenses que atoparon unha segunda patria en Cuba”, apuntou Tomé Roca, quen salientou tamén que “exemplifica unha inquebrantable vocación de permanencia porque, no sentido máis literal posible, os galegos non abandonaremos nunca o chan cubano, e os que non estamos fisicamente alí, traballaremos dende as nosas responsabilidades para manter o legado de relacións dos nosos antepasados”.

Durante a visita, o Presidente da Deputación entregou ao Embaixador de Cuba en España un exemplar do libro Proxectos para o Hospital de Isabel II, o Instituto de 2ª Ensinanza e a Deputación Provincial de Lugo, en recordo pola súa primeira visita ao edificio provincial. O representante cubano tamén asinou no Libro de Ouro da institución.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, tamén recibiu hoxe na Casa Consistorial ao embaixador de Cuba en España, Marcelino Medina, e a cónsul de Cuba en Galicia, Yahima Martínez, cos que mantivo un encontro aproveitando a súa visita á capital lucense, logo de participar onte na inauguración do museo da emigración de Láncara, adecuado na casa natal de Ángel Castro Argiz, pai de Fidel e Raúl Castro.

0.12734198570251