O embaixador de Ucraína en España visita Lugo para abordar a situación dos refuxiados na cidade

LugoXa
O embaixador de Ucraína en España visita Lugo para abordar a situación dos cidadáns ucraínos chegados a Lugo como consecuencia da guerra
Visita do embaixador de Ucraína4
24 sep 2022

A alcaldesa, Lara Méndez, recibiu no Concello ao embaixador de Ucraína en España, Serhii Pohoreltsev, con quen mantivo unha reunión para abordar a situación dos cidadáns ucraínos chegados a Lugo, como consecuencia do conflito bélico iniciado por Rusia. Na Casa Consistorial, onde o embaixador asinou o libro de oro, a rexedora trasladoulle “a máxima colaboración do executivo municipal para acoller a refuxiados que foxen do seu país escapando da guerra e para ofrecerlles unhas condicións de vida dignas”.

Méndez lembrou que “dende o comezo da inxustificable e, dende logo, condenable invasión de Putin a Ucraína, o Concello de Lugo activou, a través da área de Benestar Social, unha planificación de acollida que inclúe os pisos de emerxencia social dos que dispoñemos, así como o contacto directo e permanente para traballar da man de colectivos sociais como a Cruz Vermella ou Accem na integración social e laboral dos refuxiados”.

Precisamente, a alcaldesa e o embaixador ucraíno visitaron a sede de Accem en Lugo, situada na Rúa Pintor Laxeiro, onde mantiveron un encontro con familias acollidas por esta ONG. Trátase da entidade designada polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións para coordinar a chegada de persoas refuxiadas ao noso país. Alí puideron coñecer de primeira man o traballo que leva a cabo esta organización sen ánimo de lucro para a execución do programa de primeira acollida a solicitantes de protección internacional e persoas con protección temporal de procedencia ucraína.

Lara Méndez explicou que “segundo os datos facilitados por Accem, dende o 15 de marzo chegaron un total de 112 persoas ucraínas á capital lucense; actualmente, 58 delas atópanse nun recurso de acollida integral”. O perfil de usuaria máis común son nais soas cos seus fillos e fillas, xa que os seus maridos están en Ucraína; cabe destacar tamén a chegada de avoas e avós que están facéndose cargo das súas netas e netos, contabilizando un total de 18 menores ucraínos refuxiados actualmente na nosa cidade”, subliñou a rexedora.

Acción coordinada a través do Eixo Atlántico

A comezos de marzo, a alcaldesa de Lugo e presidenta do Eixo Atlántico, Lara Méndez anunciou unha acción coordinada entre as cidades de Galicia e Portugal que integran o Eixo para acoller refuxiados ucraínos, en función das posibilidades de cada localidade. Así mesmo, Méndez tamén participou no deseño dun plan de recepción e acollida de refuxiados coa FEMP, para canalizar todo o voluntariado que se está a producir nos diferentes puntos de España e ofrecer ás persoas chegadas ao noso país todas as garantías xurídicas e legais necesarias para que sexan cidadáns de primeira e de pleno dereito.

Desde o inicio da invasión rusa de Ucraína e o consecuente agravamento do conflito armado aberto no país desde 2014, estímase que máis de 4,8 millóns de refuxiados ucraínos desprazáronse a distintos países europeos. Ademais, todo iso segundo os datos máis recentes de ACNUR, máis de 7,1 millóns de persoas atópanse en situación de desprazamento forzoso dentro do país.

0.22279596328735