O Emevé celebra o seu 40 aniversario
O CV Emevé ven de celebrar o 40 aniversario do club e presentar oficialmente a todos os seus equipos, de categorías absolutas e de base nun acto ao que acudiron preto de mil persoas e que tivo lugar no Pazo de Feiras.
A vicepresidenta da Deputación Maite Ferreiro parabenizou ao club por unha traxectoria na elite do voleibol, desde o compromiso co deporte de base e feminino, coa que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora cunha achega anual de 120.000 euros.
Nese sentido, recoñeceu "a busca do equilibrio entre a elite competitiva e as categorías de formación, logrando unha canteira tan numerosa e tan implicada e identificada co club. Seguro que aquí hai moitas rapazas e rapaces que soñan con xogar nas Superligas e que teñen aquí na propia cidade un club no que acadar o máximo nivel competitivo, ademais de desfrutar dun lecer saudable física e emocionalmente, dun grupo de amizades, que mellora a súa vida", apuntou na súa intervención no acto, celebrado no Pazo de Feiras e Congresos.
Tamén destacou o Emevé "como club pioneiro e referente no deporte feminino en Galicia. Afortunadamente, a día de hoxe, en Lugo podemos presumir de estar na élite feminina noutras disciplinas. Pero vos levades 40 anos sendo bandeira do deporte feminino. Non só na cancha, tamén na estrutura directiva", lembrou.