O Emevé dedica o duelo contra o Sayre á campaña polo deporte feminino e contra a violencia machista

O Club Voleibol Arenal Emevé afrontará este sábado unha xornada deportiva especial, na que o encontro da Superliga feminina fronte ao Sayre Mayser Gran Canaria quedará vinculado á Campaña de Promoción e Sensibilización do Deporte Feminino Galego 2025.
A cita, que se disputará ás 17.00 horas no Pavillón Municipal dos Deportes de Lugo, servirá como punto central dunha actividade que tamén incluirá, a continuación, o partido do equipo masculino contra o Club Voleibol Hungría.
O club lucense decidiu integrar ambos os dous duelos nunha mesma xornada festiva, orientada a reforzar a visibilidade das deportistas galegas de elite e a promover valores de igualdade no ámbito deportivo.
Nesta edición participan novamente catro clubs lucenses: o Emevé, o Burela FS, o FSF Castro e o Ensino, mediante contratos de patrocinio que inclúen accións de sensibilización encamiñadas a promover a igualdade real no deporte.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, subliñou que a campaña se desenvolve cada ano coincidindo coa conmemoración do 25-N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, cun obxectivo claro: “reivindicar o papel das mulleres no deporte e na sociedade, en colaboración con equipos de máxima categoría que son referentes da participación feminina”.
O apoio institucional completouse coa presenza da Deputación de Lugo, a través da deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, quen destacou o valor simbólico do encontro do sábado ao ser dedicado ao 25-N. Morandeira felicitou ao Emevé “por poñer en valor o papel do deporte feminino como espazo seguro, igualitario e esencial na construción dunha sociedade libre de violencia”, e incidiu en que a violencia machista “non é un problema privado, senón unha vulneración de dereitos humanos que require a implicación de toda a sociedade”.
A deputada chamou tamén a manter os avances logrados en igualdade e alertou fronte a discursos que pretendan retroceder nos dereitos das mulleres, lembrando que “en igualdade, nin un paso atrás”. Reivindicou ademais o papel do club como referente para as novas xeracións, pois “cada partido serve para que as nenas vexan que tamén poden alcanzar calquera obxectivo e medrar libres, seguras e sen límites”.