O Ensino afronta este domingo un partido dedicado á igualdade e á loita contra a violencia machista

LugoXa
O encontro contra o Hozono Global Jairis enmárcase na campaña galega de promoción do deporte feminino 2025
Partido-Ensino-Violencia-de-xénero
21 Nov 2025

O Ensino disputará este domingo, 23 de novembro, un encontro fronte ao Hozono Global Jairis dentro da Campaña de Promoción e Sensibilización do Deporte Feminino Galego 2025, que contempla a celebración dun partido específico arredor da conmemoración do 25-N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, co obxectivo de visibilizar o rexeitamento á violencia de xénero.

O duelo terá lugar ás 12.30 horas no Pazo dos Deportes de Lugo e intégrase no programa impulsado pola Xunta para avanzar na igualdade e apoiar o deporte feminino de alto nivel. A través desta iniciativa, a Secretaría Xeral para o Deporte desenvolve accións de patrocinio e colaboración cos principais clubs galegos de competición estatal, entre eles o Ensino, que actúan como referentes da participación das deportistas e como altofalantes dos valores de igualdade, tolerancia e respecto.

A campaña dispón dun orzamento de 250.000 euros destinado a apoiar vinte e tres clubs deportivos, catro deles da provincia de Lugo: o Ensino, o Emevé, o Burela FS e o FSF Castro. O plan contempla a formalización de contratos de colaboración cos equipos implicados e incorpora medidas concretas de difusión e sensibilización dirixidas a promover unha igualdade efectiva no ámbito deportivo.

Na presentación do encontro participaron o adestrador do Ensino, Suso Garrido, e a escolta Alicia Flórez, recentemente convocada por primeira vez coa selección española absoluta, xunto co delegado territorial da Xunta, Javier Arias. Arias salientou que as mulleres teñen cada vez unha presenza máis destacada no deporte galego e subliñou a vontade do Goberno autonómico de respaldar o seu esforzo e de visibilizar a súa achega, tanto no terreo deportivo como no social.

O delegado lembrou tamén que dentro desta mesma campaña se disputará esta fin de semana o partido que enfrontará o club Emevé e o Sayre das Illas Canarias, previsto para o sábado ás 17.00 horas no pavillón municipal. Arias animou á cidadanía a arroupar os equipos lucenses nestas citas que, segundo afirmou, van máis alá do ámbito competitivo para se converteren nun símbolo do compromiso de Galicia coa igualdade e cunha sociedade libre de violencia machista.

⚙ Configurar cookies
0.075524806976318