O Ensino fomenta o deporte e a igualdade nos centros de Lugo

LugoXa
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, deu o pistoletazo de saída ao Ensino School Prix no CEIP As Mercedes
Ensino-School-Prix-As-Mercedes
17 Out 2024

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, deu o pistoletazo de saída ao Ensino School Prix no CEIP As Mercedes, unha iniciativa organizada polo Club Ensino de baloncesto feminino para fomentar a práctica deportiva entre os máis novos e promover a igualdade. Esta actividade, que conta coa colaboración do Goberno galego, implicará a centros escolares de Educación Primaria da provincia nunha competición lúdica que se desenvolverá en paralelo aos partidos da Liga Endesa que o Ensino dispute no Pazo dos Deportes.

Os colexios As Mercedes e Luis Pimentel de Lugo serán os encargados de abrir o programa durante o encontro entre o Durán Maquinaria Ensino e o Cadi La Seu, previsto para o próximo día 26 ás 19:15 horas. Durante a pausa entre cuartos, os estudantes terán un minuto para realizar unha coreografía de baile, palmas ou cánticos, e tamén se valorarán aspectos como a vestimenta, pancartas e o colorido da grada, así como o grupo máis numeroso. No descanso do partido, os alumnos demostrarán as súas habilidades de bote de balón e tiro a canastra na pista de xogo, con opcións de avanzar a roldas posteriores para determinar un campión.

Antes do inicio da competición, as xogadoras do primeiro equipo do Ensino impartirán charlas aos alumnos para compartir as súas experiencias e expoñer a realidade do deporte feminino de elite, así como a desigualdade que aínda persiste entre xéneros no ámbito deportivo. As “madriñas” do evento, que inclúen xogadoras como Elba Garfella, Claudia Soriano, María Bettencourt, Bea Sánchez e Lydia Giomi, visitaron o CEIP As Mercedes, mentres que o colexio Luis Pimentel recibiu ás súas representantes, Esther Castedo, Ceci Muhate, Rachel Howard, Jessica Féquière e Alexy Mollenhauer.

O Club Ensino anima a todos os centros de Primaria da provincia a participar nesta iniciativa, que busca fomentar a afección polo baloncesto, abrir as portas do Pazo de Deportes de forma gratuíta aos participantes e crear un ambiente festivo para apoiar ao equipo lucense.

0.19630789756775