O Ensino viaxa a Tarragona para disputar a Copa da Raíña

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou o último adestramento do Ensino antes da súa viaxe a Tarragona, onde o conxunto participará na Copa da Raíña, que se celebrará entre o xoves 26 e o domingo 29 de marzo. No primeiro compromiso do torneo, as xogadoras lucenses mediranse co Valencia Basket nun dos partidos correspondentes aos cuartos de final.
Durante a visita, Arias trasladou ás deportistas unha mensaxe de ánimo, desexándolles “moita sorte e forza para demostrar o gran equipo que sodes”, ao tempo que puxo en valor a relevancia de contar cun club lucense na máxima categoría do baloncesto feminino estatal, destacando a ilusión que supón para a cidade esta representación.
Paralelamente á competición principal, o club tamén estará presente na Minicopa, un torneo que se desenvolve de maneira simultánea e que reúne aos equipos infantís dos clubs que compiten na Liga Femenina Endesa, reforzando así a presenza do Ensino en diferentes niveis do baloncesto nacional.
No ámbito institucional, o delegado lembrou que a Xunta mantén diversas vías de colaboración coa entidade deportiva. Neste sentido, detallou que o Ensino recibiu o pasado ano un total de 156.800 euros en concepto de apoio autonómico. Estas achegas proceden de contratos de patrocinio subscritos coa Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e coa Axencia de Turismo de Galicia, así como das liñas de axuda destinadas aos equipos femininos da máxima categoría e das subvencións da Secretaría Xeral para o Deporte para contribuír aos gastos organizativos das súas actividades.