O equipo de investigadores de Lugo traballa nun novo sistema de detección da Covid máis barato

LugoXa
El Equipo de investigadores de Lugo está trabajando en un nuevo sistema de detección de Covid rápido y barato.
Chips
25 Xan 2022

Un equipo de investigadores do Campus de Lugo coordinado por Wajih Al-Soufi, da unidade especializada en Fluorescencia de Moléculas Individuais da USC, e do que tamén forman parte Mercedes Novo, Miguel Ángel González e Enrique Comesaña, profesores na Facultade de Ciencias e na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC que son especialistas no desenvolvemento de sensores e dispositivos e integra sondas moleculares, detección óptica, electrónica, impresión 3D e software de control, traballan no desenvolvemento dun sistema de detección de SARS-Cov-2 baseado en PCR, rápido e de baixo custe, ao abeiro do proxecto NANOFLUIDETEC.

Esta liña de I+D+I impulsada por un consorcio liderado por AMSlab e no que participan tamén laboratorio lugués AMSbiopharma e a biotech BFlow, con sede en Santiago, conta con apoio da Axencia Galega de Innovación (GAIN) para investigar na implementación de probas rápidas que contribúan ao cribado de posibles infeccións e que se poidan aplicar como probas de diagnóstico no punto de atención (POCT, Point-of-Care Testing).

O proxecto ‘Detección rápida e automatizable para SARS-Cov-2 baseada en PCR, nanotecnoloxía e microfluídica’ (NANOFLUIDETEC) nace co obxecto de acadar un sistema de detección do virus que provoca a enfermidade COVID-19, baseado en técnicas moleculares e integrando a nanotecnoloxía e microfluídica coa automatización e potencial conectividade para a súa comunicación. O consorcio persegue un dispositivo eficaz, compatible con métodos de diagnóstico de baixo custo e flexible para aumentar a capacidade de resposta diagnóstica en futuras pandemias ou enfermidades comúns.

NANOFLUIDETEC busca así mellorar os actuais sistemas de detección baseados en PCR, tanto en rapidez, como en fiabilidade e complexidade técnica. O dispositivo final estaría pensado para o seu uso en centros de atención primaria, asistenciais ou residencias, nos que este tipo de probas de diagnóstico ofrecerían a posibilidade de obter os resultados en apenas uns minutos e sen necesidade de enviar a mostra a ningún laboratorio.

A tecnoloxía que se baralla empregar neste novo dispositivo de diagnóstico é semellante á dos sistemas domésticos que xa empregan os diabéticos nos seus domicilios para controlar a glicosa ou a dos aparellos que se utilizan as persoas medicadas con Sintrom para medir o índice de coagulación do sangue, sen necesidade de extracción en vea.

EXPERIENCIAS PREVIAS
O proxecto NANOFLUIDETEC baséase pois no aproveitamento de experiencias previas e de desenvolvementos anteriores e actuais dos integrantes deste consorcio que resultan axeitados para obter un dispositivo que permita a detección do material xenético do SARS-CoV-2 en individuos sospeitosos de COVID-19, a través dun mecanismo sinxelo e eficaz que miniaturice, automatice e simplifique o actual proceso de extracción do virus. Para acadar este obxectivo NANOFLUIDETEC integra a especialistas de áreas diversas que abranguen desde a xenética, nanotecnoloxía, microelectrónica, fotónica, biotecnoloxía, fabricación e procesamento avanzado, ata o seu tratamento e operatividade a través das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC).

Os investigadores da USC implicados neste novo proxecto de GAIN achegan a este liña de traballo os coñecementos e as experiencias xa adquiridas en XuvenCiencia para o desenvolvemento do dispositivo Fotometrix, un fotómetro móbil de baixo custe apto para medir a cantidade de proteínas en líquidos biolóxicos que emprega o alumnado tanto nas actividades de innovación docente de XuvenCiencia como en prácticas de Veterinaria, Bioquímica ou mesmo Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais.

Os profesores na Facultade de Ciencias Wajih Al-Soufi e Mercedes Novo, do grupo de investigación Química Biofísica, Fotofísica e Espectroscopia da USC, achegan ao proxecto NANOFLUIDETEC os seus coñecementos e experiencia no campo da espectroscopia, mentres que Miguel Ángel González García, investigador do grupo BioMoDem e responsable do Laboratorio de Electrotecnia e Automatización da EPSE, e Enrique Comesaña, compoñente do grupo de Arquitectura de Computadores do Departamento de Electrónica e Computación da USC, ocuparanse da automatización e da electrónica.

Este equipo multidisciplinar da USC colabora desde 2015 no desenvolvemento dos kits de experimentación do grupo XuvenCiencia e participou en tres proxectos da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), no marco dos que se deseñaron dispositivos de baixo custe que integran sensores para a detección de variables medioambientais e a detección óptica de sondas moleculares e microcontroladores para a monitorización e lectura dos datos experimentais.

CONECTA COVID
O proxecto NANOFLUIDETEC está subvencionado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) con cargo aos Fondos FEDER e conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación. A actuación está financiada a través do programa CONECTA COVID 2021 no marco do eixo REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19.

0.21337199211121