O Equipo de Traballo do Castiñeiro interesouse polo convenio para a permuta de parcelas no barrio

Os representantes do Equipo de Traballo do Castiñeiro mantiveron unha reunión co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, para recibir detalles sobre o convenio de colaboración aprobado no Consello da Xunta o pasado luns, que materializa a permuta de dúas parcelas situadas neste barrio.
Arias informou aos presentes que, a finais deste mes, a Administración autonómica e o Concello de Lugo asinarán o acordo para "materializar por fin" a permuta das dúas parcelas do Castiñeiro, nas que inicialmente se proxectaban 58 vivendas de promoción pública. Con todo, estas vivendas serán executadas en outras zonas da cidade.
A Xunta cederá ao Concello dous terreos na rúa Ramón Piñeiro e, a cambio, obtendrá seis novas parcelas en diferentes puntos de Lugo, nos que non só se construírán as 58 vivendas previstas, senón que se amplía o número a 116, segundo adiantou Arias.
As novas promocións de vivendas serán situadas en catro solares na rúa Paradai de Arriba, un na Illa Coelleira e outro na rúa Angelo Colocci, que pasarán a ser propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).
O delegado territorial subliñou que "o Goberno galego está a axilizar os trámites para materializar máis vivenda pública en distintos puntos da cidade".
Así mesmo, destacou que xa están en marcha en varias fases os proxectos para a construción de 291 vivendas en Garabolos, ademais dos plans para urbanizar solo no Sagrado Corazón, e asegurou que tamén se mantén o ritmo de traballo para rehabilitar novos inmobles na zona da Tinería.