O equipo de traballo do Castiñeiro reúnese para seguir avanzando nos plans para o barrio
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo esta mañá un novo encontro co equipo de traballo do Castiñeiro para seguir avanzando na mellora do barrio.
Unha reunión na que a rexedora, que estivo acompañada pola tenenta de alcaldesa de Sostibilidade Urbana e Recursos Internos, Paula Alvarellos, deu conta da tramitación que está a seguir o proceso de permuta do soar da rúa Ramón Piñeiro, ao tempo que deixou manifestamente clara a súa vontade de colaboración e o compromiso firme do Concello de “dar todos os pasos necesarios para garantir que non se constrúa máis vivenda pública nesta parte da capital xa sobresaturada”.
“En todo momento dende o Executivo local non só amosamos receptividade ás peticións trasladadas pola veciñanza, senón que sempre fixemos pública a nosa predisposición a compensar á Xunta de Galicia pola perda de edificabilidade que supón a paralización do proxecto de VPO previsto nesta contorna, un proceso no que seguimos traballando”, afirmou.
Así, a mandataria lucense avanzoulle á representación veciñal que o Concello está próximo xa a asinar o acordo coa AFundación para intercambiar os terreos que ocupa o antiguo colexio do Sagrado Corazón por outra parcela que logo se cederá á Xunta para que constrúa un novo centro de saúde na zona.
“E, como xa explicamos varias veces, é necesario materializar primeiro ese acordo e pechar o convenio a tres bandas, coa propia Afundación e co ente autonómico para seguir progresando no intercambio de O Castiñeiro, xa que os predios ofrecidos a Abanca son os mesmos que os que pode escoller a Xunta”, engadiu.
A rexedora incidiu, por tanto, en clarificar que a súa palabra no que ten que ver coa permuta “se mantén máis firme ca nunca, a pesar das distorsións que outras partes queiran fomentar”, se ben este convenio non é imprescindible para que o Executivo galego constrúa máis vivenda social no municipio, aproveitando a existencia de fondos europeos para este fin.
“A Xunta de Galicia dispón, entre outras, de seis parcelas en Garabolos, cunha extensión aproximada de 10.000 m² nas que agora mesmo, se esa fora a súa vontade, podería crear en torno a 700 vivendas protexidas, e tamén doutros en Magoi con capacidade para acoller outras 140 vivendas, polo que instamos á Administración galega a deixar de dar rodeos e iniciar novos procedementos que rachen coa débeda histórica que, neste sentido, a Xunta ten para con Lugo”.
Para a alcaldesa non cabe ningún tipo de demora neste cometido nin tampouco cree que a permuta do soar do Castiñeiro poida servir de escusa que xustifique a inacción autonómica, “xa que o tempo para investir as axudas segue correndo de forma irreversible e non actuar en tempo e forma pode acarrear a perda das subvencións”, concluíu sinalando, tamén, que este foi un dos temas que se trataron na xuntanza celebrada esta mañá na que, así mesmo, se abordaron outros asuntos para seguir mellorando o barrio dende diferentes ámbitos.
Máis de 2.000.000 euros investidos no Castiñeiro nos últimos meses
Nos últimos meses o Executivo de Lara Méndez investiu 2’1 millóns de euros no Castiñeiro. As melloras se centran fundamentalmente na apertura do novo centro polivalente e interxeracional, na creación da nova pista polideportiva, na mellora dos espazos peonís e agora mesmo está en execución a renovación integral dos parques infantís.