O equipo nacional mexicano de triatlón escolle Lugo como base de adestramento

LugoXa
Utilizan as instalacións deportivas municipais e os roteiros naturais da cidade para a súa preparación física e técnica
recepcion-equipo-triatlon
28 Jul 2025

O concelleiro de Deportes, Jorge Bustos, recibiu esta mañá ao equipo nacional mexicano de tríatlon, que se atopa estes días na cidade realizando unha estadía de adestramento de alto nivel. A delegación está formada pola selección nacional sub-23, así como por triatletas das categorías júnior e xuvenil. A cidade tamén acolle nestas datas a algúns integrantes do equipo olímpico mexicano que competirá en París 2024, entre eles Rosa Tapia e Aran Peñaflor, así como atletas que participarán no Campionato Panamericano o vindeiro mes de agosto en Colombia.

Durante a súa preparación, os deportistas están a adestrar nos espazos xa habituais doutras concentracións internacionais celebradas en anos anteriores en Lugo, como as piscinas municipais de Frigsa e As Pedreiras, as pistas de atletismo da cidade e todo o entorno do río Miño para as sesións de carreira a pé. Os adestramentos en bicicleta desenvólvense polas estradas da provincia, tanto nos arredores de Lugo como nalgunhas zonas de montaña.

No acto de recepción, Bustos puxo en valor a capacidade da cidade para acoller deporte de elite. “Lugo é un lugar privilexiado para o deporte ao aire libre. Temos un entorno natural de enorme valor ecolóxico e paisaxístico, con infraestruturas deportivas públicas de primeiro nivel que nos permiten acoller deportistas de elite en condicións óptimas. Este tipo de visitas amosan que Lugo é tamén un destino turístico-deportivo con gran potencial, cunha combinación única de natureza, tranquilidade e calidade nos servizos”, apuntou o edil, quen agradeceu a confianza depositada pola federación mexicana e reiteran a súa vontade de seguir traballando para facer de Lugo un referente europeo no ámbito do deporte sostible e a vida activa.

Cómpre destacar a presenza de Rosa Tapia, actualmente entre as 10 mellores triatletas do mundo e que hai só catro semanas ocupaba a terceira posición no ranking do circuíto mundial. A deportista, que esta semana se atopa de viaxe tras competir en Toronto, conta cunha proxección internacional excepcional.

Os triatletas mexicanos están acompañados por integrantes do Cidade de Lugo Fluvial de Tríatlon, que este ano está a vivir unha das súas mellores tempadas a nivel competitivo. O equipo feminino vén de proclamarse campión de España por clubs en Primeira División en Banyoles (xullo de 2025), mentres que o equipo masculino acadou o subcampionato nacional por clubs na mesma competición. Ademais, o club logrou títulos nacionais por equipos en relevos, SuperSprint e distancia sprint/olímpica en tríatlon, e no duatlón os seus equipos masculino e feminino mantiveron unha presenza destacada, liderando a liga nacional ata marzo de 2025.

Con esta nova estadía, Lugo consolídase como un destino de referencia para a preparación de deportistas de elite, e fortalece o seu posicionamento internacional como cidade activa, sostible e preparada para acoller grandes eventos e concentracións deportivas de primeiro nivel. A visita do combinado nacional mexicano reforza a aposta do Concello por facer de Lugo unha cidade aberta ao deporte de alto rendemento, ao turismo deportivo e á promoción internacional do territorio a través dos seus recursos naturais, culturais e deportivos.

⚙ Configurar cookies
0.16335082054138