O Escenario Hipócrita Teatro acolle a obra 'Rara Avis' de Lila Teatro
A Asociación Cultural Hipócrita Teatro traerá ao Escenario Hipócrita Teatro a obra Rara Avis, da compañía lucense Lila Teatro, esta tarde de sábado, 28 de decembro, ás 20.00 horas.
A iniciativa, promovida pola Área de Cultura da Deputación Provincial, forma parte do programa teatral profesional da entidade provincial e está enmarcada nos actos desenvolvidos por Hipócrita Teatro para celebrar o seu 20 Aniversario.
Rara Avis é un espectáculo unipersoal que nos presenta a un personaxe feminino que, a través da empatía, a coraxe, a perseveranza e sobre todo do seu particular sentido do humor, logra reconciliarse co seu pasado, desfrutar do presente e propoñerse un futuro esperanzador.
Ao longo do 2024, o Escenario Hipócrita acolleu 20 funcións de teatro de compañías profesionais e afeccionadas, conformando unha variada programación que incluíu comedia, drama, teatro físico, improvisación...
Ademais de artistas e compañías lucenses e galegas, actuaron no Escenario Hipócrita a recoñecida narradora colombiana Carolina Rueda e a multipremiada compañía cántabra Ábrego Producciones. Esta programación contou co apoio da FEGATEA (Federación Galega de Teatro Afeccionado) e da Área de Cultura da Deputación de Lugo.