O escritor lugués e profesor da USC Claudio Rodríguez Fer recibe o Premio Babel de Literatura 2025

O escritor lugués e profesor da Universidade de Santiago de Compostela na Facultade de Humanidades e responsable da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética, ademais de poeta, narrador, ensaísta e tradutor, Claudio Rodríguez Fer, vén de ser distinguido co Premio Babel de Literatura 2025, outorgado pola Universidade de Texas, en recoñecemento á “extraordinaria calidade e á relevante achega da súa obra” no ámbito literario.
Este galardón, de carácter anual, está destinado a recoñecer figuras que fomentan o diálogo entre linguas e culturas a través da literatura. A entidade Mundus Artium Press, con sede na Universidade de Texas en Dallas, foi a encargada de conceder esta honra a Rodríguez Fer, quen foi tamén profesor visitante en múltiples universidades de Europa e América do Norte.
Ao longo da súa carreira, o autor xa foi recoñecido con prestixiosos premios como o Nacional da Crítica en España, así como co doutoramento honoris causa pola Universidade da Alta Bretaña, en Rennes. Entre outras distincións, conta tamén coa Medalla Eminescu en Romanía e co nomeamento como Cunqueiriano de Honra en Galicia.
O comité internacional que outorga o premio salientou que Rodríguez Fer é un referente do pensamento pacifista e da defensa dos dereitos humanos, e que a súa produción poética, os seus ensaios e obras multilingües tiveron un impacto significativo no panorama literario internacional.
Descrito como unha das voces máis influentes da literatura de vangarda, Rodríguez Fer é autor traducido a multitude de idiomas, entre eles castelán, portugués, inglés, francés, alemán, italiano, grego, romanés, árabe, ruso, bretón ou esperanto. O seu célebre poema ‘A cabeleira’ foi traducido a máis de oitenta linguas dos cinco continentes, converténdose así no texto con máis versións da historia da literatura galega.
O Premio Babel de Literatura representa unha aposta pola tradución como ferramenta para superar as barreiras lingüísticas e culturais, en contraste co mito da Torre de Babel, símbolo de separación e incomunicación. A distinción recoñece autores e autoras que, a través das súas vidas e obras, empregan a literatura como ponte para promover valores universais como a paz, a liberdade, a xustiza, a memoria e a comprensión mutua entre persoas e culturas.
Esta é a primeira ocasión en que o premio recae en España, despois de ser concedido anteriormente a escritores e escritoras procedentes de Italia, Albania, Francia, Rusia e Corea do Sur.