O espazo Memoria Viva no Cemiterio Municipal xa está aberto ao público

LugoXa
O espazo Memoria Viva no Cemiterio Municipal xa está aberto ao público. Unha das actividades máis importantes dentro do 75 aniversario
exposicion cemiterio municipal
1 Abr 2023

A exposición As necrópoles lucenses: do Cemiterio Xeral de Magoi ao Cemiterio Municipal de San Froilán abriu no novo espazo Memoria Viva do Cemiterio Municipal. A concelleira de Participación destacou esta exposición como unha das actividades máis importantes “dentro da celebración do 75 aniversario do Cemiterio”.

Cristina López afirmou que “a exposición é unha clara aposta pola recuperación da memoria histórica da cidade a través dunha mirada que visibilice as prácticas funerarias, desde a época romana ata a actualidade”, e engadiu “supón tamén recuperar a imaxe do antigo Cemiterio Xeral de Magoi, cuxa clausura e derribo supuxo unha lagoa importante na memoria colectiva”.

O proxecto iniciouse como froito do traballo realizado entre a área de Participación e a USC, protagonizado nun primeiro momento por Ana Goy Diz, quen foi nomeada comisaria a título póstumo da exposición “como recoñecemento ao seu traballo de investigación e posta en valor do Cemiterio Municipal”, explicou a concelleira de Participación, que engadiu “logo do seu pasamento, o grupo de investigación continuou a traballar ata culminar o que é unha parte fundamental da historia de Lugo, a sociedade vista a través da morte”.

0.19296503067017