O espectáculo Ciganí 100% encheu de humor e reflexión a praza Anxo Fernández Gómez de Lugo

LugoXa
A proposta de Pistacatro puxo o foco nos prexuízos e no discurso de odio, cunha función que contou co apoio da comunidade xitana
Ciganí-de-Pistacatro-Lugo
5 Sep 2025

O espectáculo Ciganí 100% da compañía Pistacatro representouse esta tarde en Lugo dentro da programación cultural O que queda de verán, organizada polo Concello.

A proposta, dirixida por Antón Coucheiro, combina comedia e clown para amosar os estereotipos e prexuízos presentes na sociedade, poñendo sobre a mesa temas como a emigración, a intolerancia ou o repunte do fascismo.

A través do humor, a obra invita á reflexión sobre os comportamentos individuais e colectivos e transmite unha mensaxe de respecto e tolerancia.

A peza, con dúas décadas de percorrido internacional, reestreouse este verán na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia cunha posta en escena renovada, que incorpora novas músicas e gags.

O Concello destacou que se trata dunha proposta que non atenta contra a honra de ningún colectivo, senón que denuncia precisamente o discurso de odio que se difunde dende certos medios de comunicación e espazos públicos.

Antes do inicio do espectáculo, Coucheiro mantivo unha conversa cos membros da comunidade xitana presentes na praza Anxo Fernández Gómez, recollendo as súas impresións e demandas para seguir mellorando a produción.

⚙ Configurar cookies
0.061084032058716