O éxito do XIDE en Lugo marca un avance na implantación deste sistema

LugoXa
O Centro de Saúde Illas Canarias, de Lugo, foi un dos pioneiros en probar, con éxito, o novo sistema de xestión da demanda de citas.
Xornada XIDE
19 Maio 2022

O Centro de Saúde Illas Canarias da capital comezou o pasado mes a pilotaxe do Sistema de xestión integrada da demanda en equipo (XIDE). Un sistema que foi un éxito e que, neste ano, a Xunta pretende implantar en outros centros; polo momento avanza neste senso coa elaboración da axenda de calidade para as unidades administrativas.

Así o anunciou onte o Xerente do Servizo Galego de Saúde, José Flores, durante a inauguración da Xornada sobre a xestión da demanda en atención primaria: compartindo experiencias que contou coa asisntecia do secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes, quen clausurou o acto.

Tamén asistiu a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Estrella López-Pardo, así como profesionais dos servizos de saúde de Galicia, Andalucía, Canarias, Cataluña e País Vasco.

Segundo informou o xerente, por primeira vez, o persoal administrativo contará coa súa propia axenda e con sistemas de citación propios, o que contribuirá a un aumento da calidade organizativa no seu traballo diario.

Como destacou o xerente, “cos nosos sistemas de xestión da demanda, podemos determinar o ‘cando’ –se a atención ten que ser inmediata, no día ou ordinaria-; o ‘como’ –se a atención ten que ser presencial ou telefónica-; e o ‘quen’ –que profesional debe atender dita consulta”. Así, dende que comezou a funcionar o XIDE, as citas forzadas diminuíron un 50%, axudando a reducir a sobrecarga nas axendas dos médicos de familia e, polo tanto, a optimizar a distribución de toda a demanda asistencial entre os profesionais de atención primaria.

No transcurso da súa intervención, José Flores afirmou que “Galicia segue liderando os avances nunha cuestión tan complexa como é a xestión da demanda”. Proba disto, é que o Goberno central ven de incluír no seu Plan de Acción de Atención Primaria e Comunitaria a necesidade de que os servizos de saúde incorporen un sistema de xestión integral da demanda. Algo que desde o Sergas xa se puxo en marcha a finais do ano pasado e que, desde entón, non parou de medrar.

Así, a Consellería de Sanidade acolleu onte aos representantes sanitarios das comunidades autónomas que máis teñen avanzado na aplicación de novos modelos de xestión, co ánimo de poñer en común as súas experiencias e seguir avanzando na súa mellora.

0.12419891357422