O festival A Candeloria despídese en Lugo cunha última edición baixo o lema “O último berro”

LugoXa
O evento, que celebra doce anos como referente da música alternativa en Galicia, terá lugar no Pazo de Feiras e Congresos e contará con concertos, foodtrucks, pasarrúas e buses lanzadeira gratuítos
A-Candeloria
9 Apr 2026

O Festival A Candeloria celebrará este sábado 11 de abril en Lugo a súa derradeira edición, poñendo fin a unha traxectoria de doce anos durante os cales se consolidou como un dos encontros máis relevantes da música alternativa galega.

A cita terá lugar no Pazo de Feiras e Congresos, escenario habitual dun festival que naceu en 2013 impulsado por tres persoas da cidade e a súa contorna, e que medrou ata converterse nun referente do inverno musical en Galicia.

A organización sinalou que, tras numerosas edicións exitosas, decidiron pechar esta etapa no seu momento de maior consolidación. A xornada concíbese como unha celebración dos logros acadados, marcada polos vínculos creados, as experiencias compartidas e a capacidade de superar dificultades con traballo e humildade. O equipo tamén expresou o seu agradecemento ao público, ás bandas, ás institucións e ás empresas colaboradoras que fixeron posible a evolución do festival.

Ademais dos concertos, o festival ofrecerá foodtrucks, pasarrúas e diversas actividades no barrio da Ponte, implicando a toda a cidade nun ambiente festivo.

Para facilitar o acceso, disporase de buses lanzadeira gratuítos ata as 5:00 horas, que percorrerán a ruta desde a Rúa Vilalba, pasando pola Praza Bretaña, Arenal da Ronda, Sindicatos, Ronda Muralla 95 (San Fernando), Obras Públicas, Fonte dos Ranchos e finalmente o Pazo de Feiras.

A programación comezará ás 13:00 horas coa sesión vermú na zona da Calzada Romana, coa actuación de Leo i Arremecághona. Pola tarde, a apertura de portas no Pazo de Feiras será ás 16:30 horas, dando paso a unha intensa xornada musical que se prolongará ata a madrugada. No escenario actuarán Tremenda Jauría ás 17:00 horas, Juantxo Skalari & La Rude Band ás 18:15 horas, Arrhythmia ás 19:35 horas e Sons of Aguirre ás 20:55 horas. Xa pola noite, tocarán Non Servium ás 22:15 horas, Dakidarría ás 23:45 horas e Boikot ás 1:20 horas. A programación continuará de madrugada con Catalina Grande Piñón Pequeño ás 2:50 horas e pechará definitivamente Me Fritos and The Gimme Cheetos ás 4:05 horas.

A xornada do 11 de abril preséntase como unha noite única, chamada a deixar unha pegada imborrable en Lugo e na memoria do seu público.

0.14555883407593