O festival cultural SoaSuarna vén de anunciar a data na que celebrará a súa primeira edición

SoaSuarna é un festival cultural con programación expandida e sede en Navia de Suarna, no corazón dos Ancares
Cartel-SoaSuarna-Navia
14 May 2025

O festival cultural SoaSuarna vén de anunciar a data na que celebrará a súa primeira edición, que será o sábado 16 de agosto, onde culminarán as accións continuadas, cun día grande de actividades e concertos.

Ademais, o anuncio vén acompañado da apertura dunha campaña de micromecenazgo na plataforma Verkami, na que os interesados poden facer aportacións a cambio de recompensas para facer posible a realización do evento.

O SoaSuarna celebrou ata o momento varias xuntanzas para compartir os avances do proxecto e escoitar as suxestións da veciñanza do lugar. Ademais, como parte da súa programación expandida, organizáronse ata o momento un obradoiro de cestos de pelica con Luis do Río na escola de Barcia e un concerto do cantautor vigués Migui Bouzó no Bar Suarna.

SoaSuarna é un festival cultural con programación expandida e sede en Navia de Suarna, no corazón dos Ancares. Nado como TFG de Comunicación Audiovisual de Ximena Torrón e Lucía Castro, SoaSuarna pretende conxugar o amor que a primeira sente pola súa aldea coa paixón pola música da segunda.

Mediante o festival, Ximena e Lucía buscan facer fronte á centralización cultural, demostrando que fóra dos espazos urbanos tamén se pode crear e compartir a cultura de calidade, ao tempo que poñen en valor tanto o talento emerxente galego como as iniciativas locais que levan anos facendo comunidade. Unha delas é a Asociación da Xuventude do Navia, entidade colaboradora clave na dinamización cultural da zona.

⚙ Configurar cookies
0.16278100013733