O Festival da Candeloria presenta o programa do seu décimo aniversario
A cita celebrarase no Pazo de Feiras de Lugo o 1 e 2 de marzo e conta coa presenza de bandas como Los Chikos del Maíz ou Mafalda e Zoo, que se despiden este ano dos escenario.
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a área de Cultura do Concello de Lugo colaboran coa organización do festival A Candeloria, unha cita musical que celebra o 1 e 2 de marzo no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo o seu décimo aniversario.
A deputada Iria Castro, acompañada da concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, e de membros da organización, Manu Fernández, Antón Castro e Carla Ortega, presentaron no Pazo de San Marcos o cartel do festival, referente na música punk rock en Galiza e no resto do Estado.
A Candeloria achega a Lugo bandas como Mafalda ou Zoo, que anunciaron a súa despedida dos escenarios en 2024. Tamén estarán Soziedad Alkoholika, Los Chikos del Maíz, Rebeliom do Inframundo, Familia Caamagno ou Arrythmia, entre outros. O festival contará con dúas xornadas e comezará o venres 1 coa Festa X Aniversario. Será o sábado cando se poidan escoitar a gran parte das bandas e se celebren os tradicionais Cantos de Taberna, tamén sinal de identidade do festival.
A deputada de Cultura, Iria Castro, valorou “a traxectoria desta cita como activo cultural que temos que aproveitar. Unha mostra máis do dinamismo e da enerxía que os colectivos culturais e a mocidade lucense, que busca alternativas de lecer para os seus veciños e veciñas pero tamén impulsa a economía e colabora co tecido comercial e hostaleiro achegando visitantes”. “Valoramos tamén a aposta que fan polas bandas galegas e a música en galego, presente unha vez máis este ano. Seguimos necesitando ampliar os escenarios e os altofalantes para as nosas artistas e para a nosa lingua”, anunciou.
Pola súa banda, Maite Ferreiro sinalou o mérito da organización “que apostou por unha data arriscada e pouco habitual para os festivais e que conseguiu consolidar a súa proposta, traendo a Lugo algunhas das mellores bandas galegas e estatais pero tamén con presenza internacional”.
Dende a organización, sinalaron que A Candeloria busca “ter a representación das mellores bandas do circuíto de rock galego e estatal no seu cartel”. Ademais, avanzaron o éxito desta edición que xa conta co 85% de entradas vendidas para o sábado e o 70%, para a Festa do X Aniversario do venres. As entradas poden adquirirse na web do festival: https://acandeloria.org/
Actividades
O programa arrancará o venres e contará con Zoo, no seu único concerto en Galicia; Rebelión do Inframundo, Familia Caamagno, Ira Rap, Pigs Parlament, Kamikazes e Jordi Pánico. O sábado, será a quenda de Soziedad Alkoholika, Los Chikos del Maíz, Talco, Tribade, Mafalda, Arrhytmia e Me Fritos and the Gimme Cheetos.
Por outra banda, o sábado durante a sesión vermú celebraranse os Cantos de Taberna terán lugar no barrio da Ponte e xa está aberta a inscrición para as persoas interesadas ata completar as prazas. O prazo remata o 21 de febreiro.