O festival internacional de maxia Galicia Ilusiona chega a Lugo con dúas funcións no Gustavo Freire

GaliciaXa | LugoXa
O certame reúne artistas internacionais multipremiados e destacados magos galegos
Galicia-Ilusiona-Lugo
3 Oct 2025

O festival internacional de maxia Galicia Ilusiona recala hoxe, venres 3 de outubro, na cidade de Lugo coa colaboración da Xunta de Galicia. O público poderá asistir a dous pases, un ás 18:30 horas e outro ás 21:00 horas, ambos no auditorio Gustavo Freire.

O delegado territorial, Javier Arias, visitou este mediodía o recinto para manter un encontro cos ilusionistas que actuarán pola tarde. A programación inclúe figuras internacionais multipremiadas que visitan Galicia por primeira vez para ofrecer números inéditos e espectáculos únicos.

Entre os artistas participantes está Seimei, mago manipulador coreano distinguido coa variña de ouro de Monte Carlo; a Compañía Mag Edgard, de Barcelona, recoñecida co premio FISM Turín 2025 ao mellor espectáculo mundial; o lucense Nacho Samena, considerado un dos magos galegos con maior proxección; e David Burlet, carismático artista francés premiado como mellor malabarista do seu país durante tres anos consecutivos.

Como na edición anterior, o presentador da gala será o Mago Murphy, quen tamén sorprenderá ao público con novos números inéditos.

O festival desenvolverase ao longo de outubro en oito cidades e vilas galegas. Ademais de Lugo, poderá verse en Santiago de Compostela os días 4 e 5, en Ourense o 9, en Pontevedra o 10, en Vigo o 11 e 12, na Coruña o 16 e 17 e en Ferrol o 18 e 19, logo de arrancar onte en Cangas.

⚙ Configurar cookies
0.13100600242615