O Festival SoaSuarna desvela os primeiros nomes do seu cartel

O festival SoaSuarna deu a coñecer esta semana as primeiras propostas musicais que formarán parte da súa programación principal, prevista para o sábado 16 de agosto.
O dúo lucense de música urbana Diego Flâneur & ünder, xunto coa banda de rock alternativo Jade4, encabezan o avance dun cartel que se irá completando de maneira progresiva ao longo das vindeiras semanas.
A maiores, a organización anunciou que a campaña de micromecenado impulsada para apoiar o evento está a piques de acadar a súa meta.
Diego Flâneur & ünder son dous creadores musicais de Lugo que transitan por diferentes estilos, mantendo como fío condutor a estética do hip-hop. A súa proposta mestura referencias culturais diversas, procedentes do cine, das artes plásticas ou da propia tradición musical, para construír un universo temático que vai dende a nostalxia ata a celebración da vida cotiá, pasando por emocións ligadas ao amor ou ás tradicións populares. Recentemente presentaron o tema OXALÁ!, anticipo do seu primeiro disco longo conxunto, titulado EL ÚLTIMO CHANCE.
Pola súa banda, Jade4 é unha formación nacida en Lugo no ano 2022 e integrada por Nuria, Lucía e Uzal. O trío combina o rock alternativo con elementos do indie, o punk e o pop, cun estilo que alterna o sarcasmo coa emoción máis directa. No pasado mes de abril lanzaron o seu primeiro EP, Necesito cuatro minutos, composto por seis temas que, segundo as súas propias palabras, buscan “abrazar o corazón ou permitir berrar con forza”.
SoaSuarna, que naceu como traballo de fin de grao das estudantes de Comunicación Audiovisual Ximena Torrón e Lucía Castro, é moito máis ca un festival: busca descentralizar a oferta cultural e demostrar que tamén no rural, concretamente en Navia de Suarna e no corazón dos Ancares, se pode crear, gozar e compartir cultura contemporánea de calidade.