O Fogar Residencial de Baleira celebra o seu VI Aniversario con música, baile e merenda

O vindeiro venres 18 de xullo de 2025, o Fogar Residencial de Baleira conmemorará o seu sexto aniversario cunha xornada festiva pensada para residentes, familiares e veciñanza. Os actos comezarán a partir das 16:30 horas nas instalacións do centro.
Ás 17:00 horas terá lugar a actuación do grupo tradicional Toxo Queimado, que animará a tarde con música e danzas populares, mantendo viva a tradición galega e ofrecendo un espectáculo cheo de alegría e participación.
Ademais, haberá merenda para todos os asistentes, convertendo a celebración nun momento de encontro, convivencia e desfrute compartido.
O evento está aberto a toda a veciñanza, polo que desde a organización animan a todos e todas a achegarse para celebrar esta data tan especial. A actividade conta co apoio da Xunta de Galicia e o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar.