O foro 'Acceso á cultura 2025' analizou os retos culturais en Antas de Ulla

LugoXa
A Deputación de Lugo aposta pola colaboración cos concellos pequenos e o tecido asociativo para fortalecer a creación e o acceso á cultura
foro-Acceso-á-cultura-en-Galicia-2025-Antas
9 Oct 2025

O foro “Acceso á cultura en Galicia 2025”, organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) en Antas de Ulla, serviu para presentar as conclusións do proceso de análise desenvolvido pola Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais, centrado en avaliar sobre o terreo o grao de acceso á cultura e o cumprimento dos dereitos culturais en Galicia.

A deputada de Cultura da Deputación de Lugo, Iria Castro, subliñou durante a súa intervención a singularidade da provincia en relación coa dispersión da poboación, un factor clave —explicou— á hora de definir e aplicar políticas culturais eficaces. Nese contexto, destacou como prioridade da institución provincial a colaboración cos concellos máis pequenos, que adoitan ter maiores dificultades para destinar recursos ou habilitar infraestruturas culturais, e co tecido asociativo, “que en Lugo fai un traballo inxente e imprescindible para achegar a cultura a todo o territorio”.

“As nosas programacións diríxense fundamentalmente aos concellos máis pequenos. Cremos que é necesario ofrecer unha programación cultural que xere hábito e demanda dunha oferta estable”, sinalou Castro. Engadiu tamén que os investimentos en infraestruturas culturais de tamaño adecuado “teñen un potencial dinamizador evidente, porque facilitan que os colectivos e o tecido asociativo poidan crear. Non sempre hai que traer producións: hai que facilitar a creación no propio territorio”.

Entre as conclusións expostas polo Consello da Cultura Galega no encontro, salientouse o papel esencial dos profesionais da cultura como axentes de cambio, a necesidade de mellorar a comunicación institucional —simplificando a linguaxe burocrática e eliminando barreiras simbólicas— e a urxencia de incorporar á cidadanía e aos colectivos vulnerables na toma de decisións lexislativas e programáticas.

O foro contou tamén coa participación da xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago, que actuou como unha das coordinadoras do proceso de recollida de datos a nivel provincial, e de diversos representantes do sector cultural lucense.

⚙ Configurar cookies
0.072108030319214