O Foro de Igualdade de Lugo acorda convocar concentracións mensuais contra o feminicidio

LugoXa
O Goberno local logra o consenso das entidades sociais para impulsar manifestacións con berros e lectura de manifestos o primeiro martes de cada mes en Santo Domingo
árbore-da-vida-Santo-Domingo-Lugo
14 Jul 2025

O Goberno local de Lugo vén de conseguir o consenso das asociacións e colectivos que integran o Foro de Igualdade para poñer en marcha novas iniciativas destinadas a dar visibilidade á loita contra a violencia machista.

A proposta principal consiste na convocatoria de concentracións non silenciosas, que terán lugar nas inmediacións da árbore da vida, en Santo Domingo, os primeiros martes de cada mes.

A primeira destas citas celebrarase en setembro e nela convidarase a participar ao conxunto da sociedade civil para condenar as agresións sexuais, a violencia de xénero e os asasinatos machistas.

A concelleira de Cohesión Social, Olga López Racamonde, quen foi elixida nova presidenta do Foro de Igualdade, subliñou que se alcanzou este consenso “porque únenos a condena dos feminicidios por riba de cuestións partidistas”. Nas concentracións leranse como manifesto as definicións de feminicidio e de violencia vicaria. “Reunirémonos en concentracións non silenciosas, con berros á vida polas que xa non poden falar”, explicou López Racamonde.

Xunto a ela, participaron na reunión as edís de Cohesión Territorial e de Muller e Igualdade, Ana González Abelleira e Ángeles Novo, respectivamente. No encontro, ademais de designar á nova presidenta, deuse a benvida a novas integrantes, como a traballadora municipal da Casa da Muller, na Milagrosa, Begoña Rodríguez, e debatéronse diversas iniciativas para mostrar a repulsa e a condena fronte á violencia machista.

Durante a sesión, formuláronse diferentes propostas desde distintos puntos de vista. “Propuxemos que non podiamos facer do feminicidio unha cuestión partidista e que, dunha maneira ou doutra, tiñamos que chegar a un acordo”, indicou López Racamonde, destacando que finalmente se adoptou un acordo de mínimos: convocar a todas as entidades do Foro de Igualdade a participar nas concentracións mensuais e estender a invitación ao conxunto da sociedade civil lucense.

A edil fixo fincapé en que “imos deixar ao carón as politizacións e as distintas ideoloxías feministas para falar do que nos une e da gran lacra social contra a que debemos loitar, que non é outra que o feminicidio”. Ademais, reiterou que o contido das concentracións consistirá na lectura das definicións de feminicidio e violencia vicaria, incidindo en que o fundamental é “o consenso entre todas as participantes para convocar mensualmente esa manifestación civil na árbore da vida para berrar polas que xa non teñen voz”.

O Foro de Igualdade está integrado por representantes de asociacións veciñais federadas e non federadas, entidades de persoas con discapacidade, Colexio de Enfermería, Asociación de Mulleres Empresarias, Unión de Asociacións Veciñais (Unave), secretariados da muller dos sindicatos CC.OO., STEG, CIG e UXT, Fundación Secretariado Xitano e APIG, Unións Agrarias-UPA, Aliad Ultreia, Asociación de Mulleres Rurais "A Landra", Foro Feminista de Lugo e Asociación Xitana Phenjalipen.

A presidencia do foro recae en Olga López Racamonde, coa edil Ángeles Novo como vicepresidenta, e complétase cun secretario e varios vogais en representación do Goberno local e de todos os grupos políticos da corporación municipal, así como coa técnica da Casa da Muller. Ademais, como convidados e suplentes figuran representantes de organizacións non gobernamentais de cooperación e desenvolvemento, Sindicato Labrego Galego, Arelas, Asociación de Familias de Menores Trans, Plataforma Feminista de Lugo, Asociación Endometriosis e outras entidades vinculadas á igualdade e aos dereitos das mulleres.

⚙ Configurar cookies
0.19885087013245