O Foro Feminista de Lugo convoca unha mobilización o 8M para defender un feminismo abolicionista

LugoXa
A concentración partirá da Porta Falsa ás 12.00 horas e rematará no Fondo da Praza Maior, co obxectivo de difundir o seu manifesto e reivindicacións
Foro-Feminista-de-Lugo-8M
6 Mar 2026

O Foro Feminista de Lugo súmase á manifestación convocada o vindeiro domingo, 8 de marzo de 2026, Día Internacional das Mulleres. A concentración comezará na Porta Falsa ás 12.00 horas e concluirá no Fondo da Praza Maior, onde se defenderá a axenda feminista e se difundirán os contidos do manifesto elaborado pola organización.

Neste 8M, as feministas de Lugo denuncian a barbarie patriarcal global, que se manifesta en guerras, masacres e réximes opresores que afectan de xeito especial ás mulleres e ás nenas en países como Ucraína, Gaza, Sudán, Irán ou Afganistán. Mentres organismos internacionais e gobernos occidentais permanecen impasibles, millóns de mulleres sofren violencia, desprazamentos forzados e perda dos dereitos máis básicos.

Fronte ás guerras, ás políticas autoritarias e ao avance da ultradereita, que ameaza desmantelar o público e precarizar a vida, o colectivo reivindica un feminismo internacionalista, solidario e comprometido coa paz e a xustiza social. Recoñecen que a pobreza ten rostro de muller e que os fogares continúan sendo espazos perigosos para moitas, insistindo en que non aceptan nin unha asasinada máis.

O manifesto tamén denuncia o uso do veo como forma de sometemento e defende políticas de coeducación, igualdade e laicidade do Estado. A explotación sexual e a prostitución son consideradas violencia patriarcal, polo que o Foro aposta polo modelo abolicionista como garantía de dereitos e oportunidades reais para as mulleres afectadas.

As feministas definen o seu feminismo como abolicionista porque, afirman, o corpo das mulleres non pode ser mercadoría, tal e como promove o neoliberalismo, que permite vender e mercar todo sen ter en conta situacións de pobreza ou vulnerabilidade que condicionan o consentimento.

Na mobilización, o Foro Feminista de Lugo esixe políticas públicas efectivas contra a fenda salarial, a desigualdade retributiva e a precariedade laboral; unha lei abolicionista do sistema prostitucional e da pornografía; a prohibición de ventres de alugueiro e comercio de óvulos; melloras nos recursos de atención ás vítimas de violencia machista e unha coordinación efectiva destes; investimento transparente do Pacto de Estado contra as violencias de xénero; coeducación e ensino afectivo-sexual; revisión de disposicións legais sobre autoidentificación de sexo e protección do deporte feminino; fin da xustiza patriarcal que revitimiza vítimas; e o funcionamento inmediato dun Xulgado específico de Violencia de Xénero en Lugo.

O Foro conclúe a súa convocatoria co lema: “Nin sometidas, nin explotadas, nin prostituídas. Pola vida digna, pola igualdade e pola liberdade de todas”.

0.11931800842285